A Fiscalía pide 8 anos de cárcere e 30 anos de inhabilitación para o xefe do departamento de Participación Cidadá do Concello de Vigo, Francisco Javier G.O., pola súa vinculación co suposto ‘enchufe’ dunha cuñada da presidenta da Deputación de Pontevedra e tenente de alcalde de Vigo, Carmela Silva.
O funcionario será xulgado, xunto co xerente dunha concesionaria municipal, Ramón C.A., este martes e este mércores, na sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede na cidade olívica.
O ministerio público considera que este funcionario “ideou un plan” para dar traballo a V.F.B., “muller moi afín a un membro do goberno local”. Así, sostén no seu escrito de acusación que Francisco Javier G.O. requiriu á concesionaria Imesapi que empregase a esta persoa, a pesar de que esta empresa (que levaba os servizos de atención e conserxería nos centros cívicos municipais) non necesitaba máis persoal.
Para que Imesapi pagase o salario a V., “ambos acusados idearon un plan” polo que a empresa facturaba ao Concello diversas cantidades a través do “uso fraudulento” do procedemento de contratos menores, para a realización dunhas enquisas de calidade. Segundo a Fiscalía, esas enquisas foron realizadas, aínda que non pola empresa, a pesar do cal, Imesapi elaborou as facturas de forma “mendaz” e cobrounas.
A acusación pública considera, por estes feitos, que Francisco Javier G.O. incorreu nos delitos de prevaricación, malversación e falsidade en documento mercantil. Polo primeiro deles, pide que sexa condenado a 10 anos de inhabilitación; polo segundo, reclama unha pena de 5 anos de cárcere e 20 anos de inhabilitación absoluta; e pola falsidade documental, pide a condena de tres anos de prisión e multa de 10.800 euros.
Ademais, entende que Ramón C.A., é cooperador necesario nos delitos de malversación e falsidade, e pide que sexa condenado a 4 anos de prisión e inhabilitación absoluta por 20 anos polo delito de malversación; e tres anos de prisión e 10.800 euros de multa polo delito de falsidade documental. Tamén reclama que ambos os acusados indemnicen o Concello con 108.147,22 euros polo custo das enquisas facturadas.
ACUSACIÓN POPULAR
Nesta causa, a acusación popular é exercida pola asociación Xuntos por Galicia, que foi a que presentou a denuncia polo suposto ‘enchufe’ de V. F.B. No seu caso, acusa a Francisco Javier G.O., e a Ramón C.A. dos mesmos delitos que a Fiscalía, aínda que pide penas máis severas.
Así, reclama que o funcionario sexa condenado a 15 anos de inhabilitación por un delito continuado de prevaricación; a 8 anos de cárcere e 20 de inhabilitación por un delito continuado de malversación; e a 5 anos de cárcere, outros cinco de inhabilitación e multa de 18.000 euros por un delito de falsidade.
Para Ramón C.A., reclama a pena de 8 anos de prisión e 20 de inhabilitación por un delito continuado de malversación; e á pena de 5 anos de cárcere, outros cinco de inhabilitación e multa de 30.000 euros por un delito de falsidade documental. Tamén reclama que ambos indemnicen o Concello.
INSTRUCIÓN E ARQUIVO
Durante a instrución desta causa foron investigados tanto os dous acusados como a propia V.F.B.; o que era concelleiro de Participación Cidadá, Santos Héctor Rodríguez; os interventores municipais Luís G.A. e Juan Ramón G.C.; e un apoderado de Imesapi, J.A.M.B.
O xulgado decretou o arquivo desta causa, primeiro con respecto aos interventores e, posteriormente, con respecto á cuñada de Silva, ao concelleiro e ao apoderado da concesionaria.
En referencia ao edil socialista, a maxistrada sinalou que non resultaba acreditado que tivese coñecemento dos feitos supostamente delituosos. Do mesmo xeito, decretou o sobresemento con respecto ao apoderado de Imesapi, porque este non tiña poder de decisión sobre as contratacións de persoal na empresa.
En canto á presunta beneficiaria do ‘enchufe’, a titular do xulgado de instrución número 7 de Vigo decretou o arquivo da causa pola prescrición do suposto delito polo que era investigada (tráfico de influencias). No entanto, no seu auto, a xuíza indicaba que “resulta indiciariamente acreditado” que V.F.B. pediu emprego a Francisco Javier G.O. “prevaléndose da súa relación de parentesco” coa concelleira Silva.