A Comisión Europea (CE) tomou nota da demanda galega de incluír a conexión ferroviaria Vigo- Oporto na rede básica da Rede Transeuropea de Transporte (RTE-T).
Así llo trasladou nunha misiva a comisaria europea de Transporte, Violeta Bulc, ao vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e á conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez.
Diso informou a Xunta nun comunicado, no que explica que a responsable europea enviou esta comunicación en resposta á proposición aprobada no Parlamento de Galicia a finais de outubro. Nela solicitábase a inclusión desta conexión como parte da rede básica da RTE-T.
Segundo sinalou o Executivo autonómico, Bulc destaca que o desenvolvemento das conexións transfronteirizas permite unha maior integración dos países veciños, como no caso concreto de España e Portugal. Por iso, conforme indica a Xunta, a próxima revisión da RTE-T, prevista para 2023, pode servir de oportunidade aos Estados membros afectados para que aborden esta conexión. De feito, a comisaria anuncia na súa carta que xa se iniciaron os traballos preparatorios para a revisión.
CONEXIÓN VIGO-OPORTO
A Xunta explicou que a vía férrea que une os portos de Oporto e Vigo (transporte de mercancías), así como os aeroportos de ambas cidades (transporte de pasaxeiros), está recollida no mapa da Rede Transeuropea de Transporte como parte da rede global ou secundaria. É dicir, forma parte das infraestruturas que deberían estar completadas no ano 2050, e non como parte da rede básica, cuxa execución se fixa para 2030.
Por este motivo, conforme sinalou o Executivo autonómico, tampouco se atopa dentro do Corredor Atlántico, un dos nove corredores multimodais definidos en 2013 a partir de tramos pertencentes exclusivamente á rede básica.
Con todo, no novo regulamento do Mecanismo Conectar Europea que está a debate, esta conexión goza dunha atención especial ao ser designada como unha das 25 seccións transfronteirizas da rede global predeterminadas para recibir financiamento e un dos dous enlaces escollidos no Atlántico para establecer de forma prioritaria un “corredor 5G”.