A Xunta de Galicia confía en que o estudo encargado ao catedrático José Manuel Sobrino arroxe “luz” sobre o complicado escenario aberto, especificamente para o sector pesqueiro, despois de que o parlamento británico votase abrumadoramente en contra do acordo alcanzado entre o goberno de May e a UE para un ‘brexit’ ordenado.
Así o trasladou, en declaracións aos medios durante un acto en Vigo, a conselleira do Mar, Rosa Quintana. Segundo apuntou, a votación das últimas horas na cámara británica “é unha noticia malísima”.
Quintana, quen se declarou “profundamente europeista”, sinalou que “é triste” que un país “vaia ao contraxeito” e abandone a UE pero, unha vez que se elixiu “divorcio”, “o lóxico era apostar por un divorcio ordenado, que só cabía no marco do acordo entre Theresa May e o comisionado Barnier”.
Tras constatarse a imposibilidade desa vía, a conselleira do Mar explicou que, nesta “situación complicada”, a Xunta confiará de novo na opinión dun experto como o profesor Sobrino, ao que lle encargaron un estudo sobre as “consecuencias” do rexeitamento británico ao acordo.
“Non me atrevo a facer unha valoración, mentres non teñamos esa análise. O profesor Sobrino é profundamente coñecedor da situación xurídica, xa en 2016 fixo un estudo e explicou perfectamente a ruta que ía levar o proceso. Confío en que nos dea luz”, afirmou.
ARMADORES DE VIGO
Pola súa banda, o presidente da Cooperativa de Armadores do Porto de Vigo (ARVI), Javier Touza, lanzou unha mensaxe de “tranquilidade”, aínda que admitiu que “a votación de onte é moi negativa” para o sector pesqueiro. “Deixa en situación de enorme debilidade ao goberno británico, e non sabemos como vai acabar isto”, apuntou.
No entanto, apostou por seguir traballando para buscar unha “solución de equilibrio”, e puxo en valor que o sector pesqueiro galego está a actuar como “banderín de enganche” na análise da situación.
“A pesca segue sendo unha enorme prioridade na negociación”, constatou, e recordou que “están sobre a mesa os plans de continxencias”, que o goberno “considera a agricultura e a pesca especialmente sensibles ante o ‘brexit'”, e estanse articulando medidas” a nivel aduaneiro, loxístico e incluso de posibles axudas para paliar as consecuencias negativas deste escenario.