InicioOpiniónAutónomos en campaña electoral: rebaixas, medias verdades e "trampantojos"

Autónomos en campaña electoral: rebaixas, medias verdades e “trampantojos”

Quitar o IVE, non subir as cotas, cota cero. Soan a diñeiro que volve ao peto do autónomo. Contrastei os dez programas electorais do 29N: algunhas medidas melloran de verdade a vida do autónomo e outras son un trampantoxo.

PUBLICADO O

- Advertisement -

Quitar o IVE, non subir as cotas, cota cero. As promesas electorais parecen diñeiro que volve ao peto do autónomo. Pero, cando se mira a letra pequena, aparecen preguntas incómodas: quen paga a diferenza, que dereitos se perden e que medidas son novas de verdade?

Hai tres promesas para os autónomos que caben nun titular de rebaixa. Quitar o IVE a quen facture menos de 85.000 euros: deféndeno o PP, o Frente Amplio e Podemos. Non subir as cotas: repíteno varios partidos. E Vox propón cota cero para quen non chegue ao salario mínimo, mentres o PP e Junts a reservan para quen comeza. Soan ben. Ningunha é tan simple como parece.

A comparación dos dez programas electorais do 29N deixa unha conclusión: hai medidas que poden mellorar de verdade a vida dos autónomos, pero tamén promesas que ocultan custos, límites ou dereitos que se poderían perder. E, desde o decreto aprobado polo Goberno o 24 de novembro, algunhas xa teñen unha resposta parcial: simplificar trámites non é o mesmo que eliminar impostos ou cotas.

O IVE non se quita: déixase de cobrar

O autónomo non paga o IVE das súas vendas. Unha frase que non poucos políticos lanzan ao aire, e denotan claramente o moito que descoñecen o funcionamento fiscal dos autónomos e a súa realidade. O IVE cóbrao ao cliente e despois ingrésao en Facenda. O IVE non se paga, o IVE recáudase e compensase co IVE das facturas de gasto. Pero para saber iso non é necesario unha carreira de económicas, só un mínimo de interese por coñecer as necesidades e a situación dos traballadores e traballadoras autónomas.

Volvendo ás promesas electorais, o réxime de franquicia que propón o Partido Popular, o Frente Amplio e Podemos permitiría aos aotonomos que deixáramos de recaudar ese IVE e de presentar as liquidacións trimestrais correspondentes. Pero tamén impediría deducir o IVE das compras da actividade. E aquí está a trampa.

Para unha consultora ou empresa de servizos con poucos gastos, a franquicia podería significar menos papeleo. Para un albanel que factura o mesmo e compra 12.000 euros en material, suporía deixar de recuperar 2.520 euros de IVE. UPTA resúmeo así: deixar de cobrar con IVE non é deixar de pagalo.

O resultado depende, polo tanto, do sector e da estrutura de custos. E ata as estimacións sobre cantos autónomos se beneficiarían están enfrontadas. ATA calcula máis dun millón, extrapolando o que ocorre en Canarias co réxime equivalente do IGIC. UPTA fala de menos de 300.000. Segundo ATA, o aforro sería sobre todo administrativo: uns 660 euros ao ano de media, a partir de 25 euros mensuais en trámites e dúas horas ao mes de traballo burocrático. A realidade é que nin eses 25 euros de aforro serían reais, porque os contratos de xestoría son fixos mensuais, e non por xestión.

Hai ademais un matiz que adoita quedar fóra do mitineo televisivo destes días. Os 85.000 euros non son un dereito que os autónomos teñan hoxe. Son o teito que a directiva europea permite fixar a cada país. España comunicou a Bruxelas que non pensa aplicar a exención no mercado interior, porque é opcional. A Comisión Europea, pola súa parte, levou España ao Tribunal de Xustiza da UE por outra cuestión da mesma directiva: a posibilidade de que as pemes españolas se acollan á franquicia noutros países. Son dúas cousas distintas. Mesturalas tamén pode servir para vender fume.

Quen promete «eliminar o IVE dos autónomos» debería dicir cantos autónomos gañarían, cantos poderían perder e por que. O 22 de abril, o Congreso aprobou pedir ao Goberno que transpuxese a franquicia, co voto en contra de PSOE, Podemos e a deputada de Compromís. Sete meses despois, Podemos incorporouna ao seu programa, PP e VOX a lanzan como a panacea caída do ceo para os autónomos. O PSOE segue sen mencionala.

Non subir as cotas: unha promesa que xa se cumpriu en parte

A cota de autónomos equivale ao 31,5 % da base de cotización. En 2026 vai de 205,88 a 1.606,88 euros ao mes, segundo os rendementos netos. Para a maioría do colectivo, a táboa de 2026 é a de 2025 prorrogada. Así que «non subir as cotas» describe, en boa medida, algo que xa aconteceu.

Hai unha excepción importante: a base mínima dos autónomos societarios e dos colaboradores familiares, que a lei sitúa na base mínima do réxime xeral, 1.420,40 euros ao mes. A medida afecta algo máis dun millón de persoas e aplicarase ao regularizar as cotas, entre finais de 2027 e comezos de 2028. É contra esta subida que protestan Junts e ATA.

Pero conxelar a cota tamén ten unha factura. Se a base de cotización non sobe, tampouco o fai a pensión futura nin a contía de certas prestacións. UPTA advertiu en abril de que conxelar as bases da maioría foi un erro por ese motivo. Reducir a cota implica cotizar menos. Cotizar menos hoxe pode significar cobrar menos mañá, e ao nivel de subida da inflacción e o custe da vída nos últimos anos, esa pensión mínima esfumarase, como os millóns do rescate ás caixas.

Cota cero: a conta que non aparece no programa

Vox propón unha cota de autónomos cero para quen non alcance o salario mínimo interprofesional, que en 2026 se sitúa en 17.094 euros anuais, e unha cota progresiva desde 50 euros para quen o supere. Segundo ATA, o 63,2 % dos autónomos cobra por baixo do SMI: uns 2,21 millóns de persoas.

Se cada unha delas pagase hoxe só a cota mínima de 205,88 euros, deixarían de ingresar na Seguridade Social uns 5.400 millóns de euros ao ano. É un cálculo propio, pensado como orde de magnitude, non unha estimación de Vox nin da Seguridade Social. VOX no seu programa propón compensalo mediante control do déficit, auditorías ás administracións e recortes de subvencións, pero non explica canto se aforraría nin de onde sairían exactamente os fondos.

O PP propón cota cero durante o primeiro ano e tamén o segundo se o rendemento non chega ao SMI.

Junts quere aplicala durante tres anos ás persoas autónomas de ata 35 anos, «sen perder o dereito ás prestacións».

O Frente Amplio propón unha tarifa plana de 88 euros mentres non se alcance o SMI, tamén «sen perda de dereitos».

A pregunta é inevitable: se se paga menos pero se conservan as prestacións, quen paga a diferenza?

O programa de ningún dos tres partidos responde canto custa nin quen o paga.

Tres preguntas para calquera promesa

1. Quen paga a diferenza? Se non baixa o gasto público nin sobe outro ingreso, alguén terá que poñer os cartos.

2. Que se perde a cambio? Pode ser a dedución do IVE soportado, unha base de cotización máis alta ou a cobertura do cese de actividade.

3. Xa é lei ou só un desexo? Unha moción aprobada no Congreso non cambia a lei por si soa.

Un autónomo non precisa que lle digan simplemente que lle van baixar algo. Precisa saber canto, quen paga e a cambio de que. Se esas tres preguntas quedan sen resposta, non estamos ante unha rebaixa completa. Estamos ante un titular.

Que propón cada partido

A comparativa dos dez programas amosa propostas moi distintas, desde cambios concretos ata a ausencia case total de medidas específicas.

PP. Cota cero o primeiro ano e o segundo se non se chega ao SMI. Para quen facture menos de 85.000 euros, propón deixar de cobrar e declarar o IVE, pasar de catro declaracións trimestrais a dúas semestrais, e a unha ao ano para os novos. Tamén ofrece bonificar o 100 % das cotizacións polo primeiro traballador durante un ano e o 50 % polo segundo; bonificar a cota desde o primeiro día de baixa por enfermidade “grave” e ampliar os supostos de cese de actividade. Para autónomos de 18 a 35 anos, propón reducións do IRPF do 100 %, 75 %, 50 % e 25 % nos catro primeiros anos.

Vox. Cota de cero euros se os ingresos non chegan ao SMI e, por riba dese limiar, unha cota progresiva desde 50 euros segundo os ingresos.

Frente Amplio. Transposición da directiva europea do IVE franquiciado, opcional para quen facture menos de 85.000 euros, sen liquidacións periódicas e cunha declaración informativa anual. Propón tamén unha tarifa plana de 88 euros ligada aos ingresos, que se mantería mentres non se alcance o SMI, «sen perda de dereitos»; IVE de caixa pleno, non adiantar o imposto ata que non cobres a factura; un réxime sancionador contra a morosidade; e unha liña ICO de 3.000 millóns de euros anuais para empresas de menos de 50 traballadores.

PSOE. No programa propón desenvolver a pasarela ao RETA para os mutualistas, prevista na Lei 2/2026; actualizar o Estatuto do Traballo Autónomo; simplificar o acceso ao cese de actividade; e seguir avanzando na cotización por ingresos reais, que xa se aprobou en 2023. Non propón cota cero nin franquía do IVE.

Podemos. Propón cotizar no RETA cunha porcentaxe progresiva do beneficio real e cota cero só se hai perdas. Tamén defende incorporar o IVE franquiciado europeo e un criterio de caixa universal para non adiantar o IVE de facturas aínda non cobradas. Engade reservar unha porcentaxe da contratación pública para autónomos e pemes, recoñecelos como consumidores fronte á banca e ás eléctricas e fixar prazos máximos de pagamento.

Junts. Cota cero para autónomos de ata 35 anos durante os tres primeiros anos de actividade, «sen perder o dereito ás prestacións». Propón reducións do IRPF para persoas mozas asalariadas e autónomas, do 100 % o primeiro ano, do 75 % o segundo e do 50 % o terceiro, ademais de “menos carga fiscal” ??. Atribúese ter freado a suba de cotas e atrasado o Verifactu. O programa non propón cambios no IVE.

ERC. Defende un sistema de cotización «xusto e progresivo», con cotas adaptadas aos ingresos reais por tramos e reducidas para quen non chegue ao SMI. Propón endurecer a loita contra os falsos autónomos e adaptar as cotas dos artistas aos seus ingresos reais. Non inclúe cota cero nin franquía do IVE.

PNV. Quere achegar o cese de actividade ao paro das persoas asalariadas, simplificar os requisitos e facelo compatible con volver emprender. Tamén propón máis financiamento ICO para autónomos e pemes, menos burocracia e coeficientes redutores de xubilación para autónomos da pesca. Non propón cota cero nin cambios no IVE.

BNG. Dedica unha sección propia ás persoas autónomas. Propón un sistema fiscal máis simple e adaptado á capacidade económica real; equiparar dereitos cos asalariados en baixas, maternidade e paternidade, xubilación e cese de actividade; permitir coller unha baixa médica sen perder o negocio; e impulsar medidas específicas para as autónomas. Non inclúe cota cero nin IVE franquiciado.

EH Bildu. No programa apenas aborda a cuestión: propón equiparar o permiso de lactación das persoas autónomas ao das asalariadas. Non inclúe medidas sobre cotas, RETA nin IVE.

As melloras con máis posibilidades

O criterio desta valoración é que a medida sexa concreta, poida financiarse, non retire dereitos a cambio e chegue a un colectivo amplo. É unha lectura dos programas, non un dato oficial.

Cese de actividade máis sinxelo e compatible con emprender. É importante cando o negocio vai mal e a persoa autónoma máis precisa unha rede de protección. PSOE, PNV, PP e BNG mencionan melloras. A condición é que «simplificar» se traduza en requisitos realmente máis claros e accesibles.

Baixa médica sen perder o negocio. O problema é coñecido: moitas persoas autónomas non poden parar. O PP concreta unha bonificación da cota desde o primeiro día de baixa por enfermidade grave. O BNG expón o obxectivo, aínda que non detalla o mecanismo.

IVE de caixa e loita contra a morosidade. Non adiantar un imposto sobre unha factura que o cliente aínda non pagou pode aliviar a tesouraría, sobre todo cando se traballa para empresas que tardan en pagar. Podemos propón un criterio de caixa universal e prazos máximos; o Frente Amplio, sancións contra a morosidade. Pero o criterio de caixa xa existe e o prazo máximo entre empresas é de 60 días. Cómpre concretar que cambiaría exactamente.

Cotizar polo beneficio real, con tramos. Pode afectar a todo o colectivo, pero o sistema por ingresos reais xa é lei desde 2023. O que prometen PSOE, ERC, Podemos e BNG é continuar o proceso ou modificar o seu deseño. A diferenza dependerá, sobre todo, de como queden os tramos baixos.

Pasarela ao RETA para mutualistas. Está recollida na Lei 2/2026. Desenvolvela pode ser relevante, pero non é unha medida nova.

Cota cero temporal para quen comeza. O PP propón un ou dous anos e Junts tres para menores de 35 anos. Pode aliviar os primeiros pasos, pero é temporal e só alcanza a quen inicia a actividade. Ningún dos dous programas cuantifica o custo nin indica quen cubriría a diferenza. Junts engade que non se perderían prestacións, o que implica que alguén debe financiar esa cobertura.

Tarifa plana de 88 euros ata o SMI. O Frente Amplio ofrece unha cifra concreta e vincula a cota aos ingresos. A cuestión é que 88 euros se parece moito á tarifa plana actual, que custa 80 euros máis o MEI, 88,56 euros en 2026. O que cambiaría sería a duración. Falta saber canto custaría ampliala e a quen se aplicaría.

Bonificacións por contratación. A bonificación do 100 % durante un ano polo primeiro traballador e do 50 % polo segundo, proposta polo PP, é concreta e limitada no tempo. Pode axudar a quen contrata, aínda que o programa non cuantifica o seu custo total.

Onde se agocha a letra pequena

«Non terás que pagar o IVE». A frase vende un aforro e pode esconder un custo: quen deixa de repercutir o IVE tampouco pode deducir o das compras. O efecto depende do sector. Ademais, España comunicou a Bruxelas que non pensa aplicar a exención no mercado interior. O programa do PP non resolve ese matiz.

Cota cero por baixo do SMI, sen cifra nin financiamento. Segundo ATA, o 63,2 % das persoas autónomas está por baixo do salario mínimo. A conta propia deste artigo estima que aplicar a cota cero a todas elas suporía uns 5.400 millóns de euros anuais menos na Seguridade Social, tomando como referencia a cota mínima actual. Vox fala de control do déficit e recortes de subvencións, pero non presenta cantidades nin unha memoria económica. E quen cotiza menos pode acabar cobrando menos.

Pagar menos sen perder dereitos, sen explicar quen paga. A promesa pode ser compatible se o Estado cobre a diferenza, pero non é gratuíta. Junts e o Frente Amplio non cuantifican ese custo. No caso de Junts, a medida só se aplicaría ás persoas autónomas de ata 35 anos.

Anotarse medidas xa existentes ou aínda non realizadas. Junts atribúese ter freado a suba das cotas, pero a base mínima de societarios e colaboradores familiares si sobe. O PSOE presenta como liña de actuación a cotización por ingresos reais, que xa é lei desde 2023.

Cambiar de posición sen explicalo. Podemos votou en contra, o 22 de abril, da petición para que o Goberno transpuxese a franquía do IVE. Agora inclúea no programa. Pode ser unha rectificación honesta, pero convén explicala.

EH Bildu: unha ausencia. O seu programa apenas ofrece unha medida para autónomos, a equiparación do permiso de lactación. Non propón nada específico sobre cotas, RETA ou IVE.

O decreto do 24 de novembro de 2026: simplificar non é eliminar

O último Consello de Ministros antes das eleccións aprobou o 24 de novembro un real decreto-lei con rebaixas fiscais e medidas de simplificación para autónomos. Como as Cortes están disoltas, deberá convalidalo a Deputación Permanente do Congreso nun prazo de 30 días, xa despois do 29N. Se non se convalida, caducará. As cifras de beneficiarios e aforro que seguen son estimacións do Goberno, segundo a nota do Ministerio de Facenda.

IRPF en estimación directa. A dedución por provisións e gastos de difícil xustificación sobe do 5 % ao 10 % e o límite pasa de 2.000 a 3.000 euros, con efectos no exercicio 2026. Facenda estima que beneficiará 1,6 millóns de autónomos e suporá 362 millóns de euros de aforro.

Módulos. A redución do rendemento neto tamén sobe do 5 % ao 10 %, e ao 15 % nas actividades agrarias, para o exercicio 2026. O Goberno calcula un millón de contribuíntes beneficiados e 103 millóns de aforro.

Pagamentos fraccionados do IRPF. Quen facture menos de 85.000 euros non terá que presentar os pagamentos fraccionados cando a cota da última declaración fose negativa ou quedase cuberta polos pagamentos xa feitos. Para quen os siga presentando e facture menos de 250.000 euros, a porcentaxe baixa do 20 % ao 19 %. Tamén se poderá calcular sobre o rendemento neto de 2025 e domiciliar o pagamento sen presentar declaracións trimestrais. Facenda estima un diferimento de impostos de ata 1.200 millóns de euros.

IVE: unha declaración ao ano. O novo réxime especial voluntario permitirá a quen facture menos de 85.000 euros presentar unha autoliquidación anual en vez de catro trimestrais, con tres pagamentos a conta calculados sobre o ano anterior. O IVE seguirá cobrándose e ingresándose como ata agora. Non é a franquía: é menos papeleo, non a exención do imposto. O Goberno estima 1,1 millóns de autónomos beneficiados e 577 millóns de euros de aforro de caixa.

Verifactu e módulos. O Verifactu e a factura electrónica aprazaranse ata outubro de 2028. Tamén se prorrogan os límites para seguir en módulos, 250.000 euros de ingresos e 125.000 euros con outras empresas. Facenda calcula que isto permitirá manter o réxime a 80.000 autónomos máis e estima un aforro de 411 millóns de euros.

O decreto, pois, simplifica trámites e incorpora alivios fiscais. Pero non toca as cotas da Seguridade Social: non hai cota cero nin rebaixa da tarifa plana. Tampouco exime do IVE. Crea unha declaración anual para quen facture menos de 85.000 euros, pero a recaudación do imposto segue aí. É a versión administrativa dalgunhas promesas electorais: menos declaracións, non necesariamente menos impostos nin menos cotizacións.

Tamén queda feito, polo menos ata outubro de 2028, o atraso de Verifactu que Junts se atribuía como logro. E, no caso do IVE, unha parte do que se reclamaba xa existe: a declaración anual. O que segue pendente é a exención, que requiriría transpoñer a directiva europea.

Son viables as promesas?

Para valorar a viabilidade dunha medida hai que mirar tres cuestións: se se pode aprobar legalmente e quen debe facelo, canto custa e quen a paga, e se hai apoio político para sacala adiante.

O marco xeral é común: a cotización á Seguridade Social e o IVE son competencia estatal, segundo os artigos 149.1.14 e 149.1.17 da Constitución. As comunidades autónomas non poden aplicar por si soas estas medidas. A franquía do IVE ten ademais un límite europeo: a directiva permite aos Estados fixar un teito de ata 85.000 euros.

Cese de actividade máis sinxelo

Quen o propón: PSOE, PNV, PP e BNG.

Dato: O cese de actividade mellorouse co Real Decreto-lei 13/2022, con efectos desde 2023. En xeral, require 12 meses cotizados nos 24 anteriores e prevé unha prestación do 70 % da base reguladora. Nos ceses parciais e na forza maior parcial temporal, a contía é do 50 %.

Análise: Cambiar os requisitos require actuar sobre a lexislación estatal. Ningún programa cuantifica o custo de ampliar a cobertura. É, con todo, a medida que aparece en máis partidos de bloques distintos.

Valoración: viable, cun consenso programático relativamente amplo.

Cota cero temporal para quen comeza

Quen a propón: PP e Junts.

Dato: Xa existe unha tarifa plana de 80 euros mensuais máis o MEI, 88,56 euros en 2026, durante 12 meses, prorrogable outros 12 se o rendemento non chega ao SMI. O PP xa impulsara unha tarifa plana de 50 euros para menores de 30 anos en 2013.

Análise: A reforma depende do Estado. A diferenza real entre a tarifa plana actual e pagar cero sería de 88,56 euros ao mes por alta, arredor de 1.060 euros o primeiro ano, segundo un cálculo propio. O custo total depende do número de altas e de quen cubra as prestacións que Junts promete conservar.

Valoración: viable e de alcance limitado.

Cota cero se non se chega ao SMI

Quen a propón: Vox.

Dato: En 2024 Vox rexistrou no Congreso unha proposición de lei para bonificar o 100 % da cotización de quen estivese por baixo do SMI. Os propios proponentes estimaron dous millóns de autónomos e unha caída de recadación duns 6.250 millóns de euros. A Mesa do Congreso non a vaixou tramitar despois de que o Goberno expresase a súa disconformidade ao abeiro do artigo 134.6 da Constitución.

Análise: É legalmente posible mediante unha lei estatal. A proposta de 2024 e o cálculo propio deste artigo, duns 5.400 millóns, sitúanse na mesma orde de magnitude. O programa de 2026 non achega memoria económica. Ademais, a iniciativa de 2024 incluía condicións que o programa actual non repite, como que eses meses non contasen para o cese de actividade. Para saír adiante, Vox necesitaría apoio do PP, cuxo programa só propón cota cero para os primeiros anos de actividade.

Valoración: posible, pero sen financiamento explicado.

IVE franquiciado ata 85.000 euros

Quen o propón: PP, Frente Amplio e Podemos.

Dato: A Directiva (UE) 2020/285 permite aos Estados eximir do IVE as empresas cun volume de negocio de ata 85.000 euros. España non transpuxo esa exención para a actividade interior. Bruxelas levou España ao TXUE por cuestións relacionadas coa transposición das directivas de IVE para pemes.

Análise: A medida requiriría reformar a Lei do IVE, dentro do límite europeo. Os 85.000 euros son o máximo permitido, non unha cifra que España poida superar. ATA estima unha perda de recadación de 625 a 650 millóns de euros anuais. O beneficio sería desigual: quen compra moito material perdería a dedución do IVE soportado. O decreto do 24 de novembro creou unha declaración anual para o mesmo limiar, pero non a exención.

Valoración: legalmente viable e con beneficio desigual. A parte administrativa xa está parcialmente atendida; a franquía fiscal segue pendente.

IVE de caixa universal e prazos de pagamento

Quen o propón: Podemos e Frente Amplio.

Dato: O criterio de caixa existe desde 2014 para quen facturase ata dous millóns de euros o ano anterior. O prazo máximo legal de pagamento entre empresas é de 60 días. A Plataforma Multisectorial contra a Morosidade estima que o 85 % das grandes empresas supera ese prazo.

Análise: Ampliar o criterio de caixa sería unha reforma estatal asumible. A Facenda ingresaría o IVE máis tarde, pero ningún programa cuantifica o custo de tesouraría. No caso dos prazos de pagamento, o límite legal xa existe; a pregunta é que mecanismos se propoñen para facelo cumprir. Ademais, un cliente acollido ao criterio de caixa tampouco pode deducir o IVE ata que paga.

Valoración: existe en parte; falta especificar que se cambiaría e como se faría cumprir.

Cotización por ingresos reais

Quen a propón: PSOE, ERC, Podemos e BNG.

Dato: O sistema de cotización por ingresos reais é lei desde 2023 e ten un calendario previsto ata 2032. En 2026 prorrogáronse as táboas de 2025 e a reforma das cotas de 2027 continúa sen acordo. En xaneiro de 2026, o Congreso rexeitou un decreto que incluía conxelar as cotas. A reforma de 2022 foi aprobada con 260 votos.

Análise: Axustar tramos pode facerse sen crear de novo todo o sistema. Pero unha proposta distinta, como cotizar cunha porcentaxe progresiva do beneficio real, podería esixir reformar a lei. O resultado dependerá dos tramos: subir a cota a uns pode financiar unha rebaixa para outros.

Valoración: xa é lei; o que queda é aplicar e negociar o calendario.

Tarifa plana de 88 euros ata o SMI

Quen a propón: Frente Amplio.

Dato: Os 88 euros coinciden, aproximadamente, cos 88,56 euros da tarifa plana actual, incluído o MEI. Hoxe dura 12 meses e pode prorrogarse outros 12 se non se alcanza o SMI.

Análise: A reforma sería estatal. Se se aplicase a todas as persoas autónomas por baixo do SMI, a diferenza coa cota mínima podería rondar os 3.100 millóns de euros anuais, nun cálculo propio coa mesma base empregada para a estimación de Vox. Se só se aplicase a novas altas, o custo sería moito menor. O programa non aclara o alcance. O CIS de novembro estima o Frente Amplio nun 5,7 % dos votos, polo que a medida necesitaría o apoio doutros partidos.

Valoración: a conta depende de a quen se aplique.

As rebaixas que cómpre pedir

A cota do ano 2026 vai de 205,88 a 1.606,88 euros ao mes, cun tipo do 31,5 % da base. O SMI sitúase en 17.094 euros anuais. Hai arredor de 3,5 millóns de persoas autónomas e, segundo ATA, o 63,2 % cobra por baixo do SMI, uns 2,21 millóns.

As estimacións sobre quen se beneficiaría da franquía do IVE vai dun millón ou máis, segundo ATA, a menos de 300.000, segundo UPTA. ATA sitúa o custo fiscal da franquía entre 625 e 650 millóns de euros anuais. Para o decreto do 24 de novembro, o Goberno calcula 465 millóns de euros de aforro fiscal e ata 1.800 millóns en diferimentos de caixa.

Son cifras importantes, pero non resolven a pregunta principal: que recibe cada autónomo e que deixa de recibir a cambio?

Os dez programas electorais de 2026 revisados para esta análise foron os do PP, Vox, Frente Amplio, PSOE, Podemos, Junts, ERC, PNV, BNG e EH Bildu. A comparación céntrase no que aparece nos documentos. Por iso quedan fóra propostas que saíron en notas de prensa, como o IVE das perruquerías atribuído ao BNG ou o IVE dos alimentos básicos atribuído a ERC. A posición de Junts sobre a franquía do IVE tampouco se incorpora, porque non aparece no programa publicado.

A valoración de «melloras» e «trampantojos» é unha opinión baseada nos programas e nos datos citados, non un dato oficial. As cifras de beneficiarios son estimacións de organizacións con supostos distintos. O PP fala de 1,4 millóns de autónomos beneficiados, pero non se identificou o cálculo que sustenta esa cifra. Se algún partido publica unha memoria económica, a valoración pode cambiar.

O que non debería cambiar é a pregunta que facemos ante cada promesa: canto aforra, a quen beneficia, quen financia a diferenza e que dereitos quedan intactos. O decreto de Facenda demostra que se poden reducir trámites e aliviar impostos sen tocar as cotas nin eliminar o IVE. Por iso a letra pequena non é un detalle técnico: é a diferenza entre unha mellora real e un titular de campaña.

ÚLTIMAS

O barco de Greenpece máis efeciente leva o selo vigués

Trátase dun veleiro de 75 metros cuxo deseño sitúa no centro a propulsión eólica...

Un coche arde na AP-9 á altura de Peinador e provoca novas retencións quilométricas en Vigo

A AP-9 volveu rexistrar importantes problemas de circulación este mércores, 25 de novembro, tras...

O Concello de Vigo iniciará “nos próximos días” as obras de impermeabilización do pavillón de Navia

O Concello de Vigo iniciará "nos próximos días" as obras de impermeabilización da cuberta...

PP pedirá no Pleno de Vigo o cesamento do concelleiro responsable do servizo de bus ante o “posible amaño” do concurso

O grupo municipal do PP en Vigo presentará unha moción no Pleno que se...