O alcalde de Vigo, Abel Caballero, insistiu este xoves en que nin a Xunta nin a Deputación de Pontevedra queren “pagar” para apoiar a candidatura da cidade como sede do Mundial de Fútbol de 2030, por non aceptar reunirse este venres (ambas institucións pediron aprazar a xuntanza ata despois das eleccións) e incidiu en que outra proba diso é que nin Rueda, nin o conselleiro Diego Calvo, nin Luis López se pronuncian agora sobre este asunto, senón que o fan “cargos menores”, en alusión á delegada territorial da Xunta ou á vicepresidenta provincial.
En declaracións remitidas aos medios polo PSOE de Vigo, Abel Caballero subliñou que Xunta e Deputación deixaron esta cuestión en mans de “cargos políticos moi menores” como a delegada do goberno galego, Ana Ortiz, ou a vicepresidenta da Deputación, Luisa Sánchez. “Xa non fala nin Rueda nin o conselleiro de Deportes, xa non fala o presidente da Deputación. Non, fala a delegada da Xunta, a súa directora xeral e, polo tanto, un cargo político dese nivel; e a portavoz do Partido Popular de Vigo, que nin sequera é vicepresidenta primeira da Deputación, é vicepresidenta segunda. Que quere dicir isto? Que non queren”, constatou Caballero. Segundo denunciou, tanto Rueda como Calvo ou como Luis López, ao estaren “calados”, “están a recoñecer” que non queren achegar financiamento á candidatura.
Con todo, tanto a delegada da Xunta como a vicepresidenta da Deputación reiteraron o apoio destas institucións ao proxecto (aínda que reclamaron coñecer toda a documentación, o cronograma, etc.). En resposta, Abel Caballero proclamou que “se van pagar, que asinen mañá”, o que é “facilísimo”. Pero reiterou que non asisten á reunión convocada para este venres “porque non van asinar” e “todo Vigo entende” que a Xunta e o PP non se atreven a confirmar que non apoian a candidatura porque “lles vai supor un custo inmenso na cidade”. “Canto tempo se precisa para a reunión? Todo xunto pódese facer nunha hora. Que cousa máis importante ten mañá o conselleiro de Deportes que atender a esta reunión?”, cuestionou o alcalde, que volveu insistir en que nin o PP “nin o Bloque” queren que Vigo sexa mundialista e “están poñendo todos os paus nas rodas que poden”.
