InicioCulturaMorre Xosé Luís Méndez Ferrín, o escritor político que levaba a Vigo...

Morre Xosé Luís Méndez Ferrín, o escritor político que levaba a Vigo e Ourense no corazón

Faleceu en Vigo aos 88 anos. Poeta, narrador, profesor e histórico dirixente do nacionalismo galego, deixa unha obra que marcou varias xeracións e unha pegada política que transcende a súa produción literaria.

PUBLICADO O

- Advertisement -

Primeiro Beiras e agora Ferrín. A cultura galega perde unha das súas figuras máis sobranceiras. Xosé Luís Méndez Ferrín faleceu en Vigo aos 88 anos, na noite deste mércores, 18 de novembro. Coa súa morte desaparece un dos intelectuais que máis contribuíron a construír o pensamento político e literario da Galicia contemporánea.

Autor de títulos fundamentais como Con pólvora e magnolias, O crepúsculo e as formigas ou Retorno a Tagen Ata, Ferrín foi moito máis ca un escritor. A súa literatura, marcada pola experimentación, o universo mítico e o compromiso político, converteuse nunha referencia ineludible das letras galegas. A súa candidatura ao Nobel de Literatura foi promovida en distintas ocasións.

Pero a súa traxectoria non se entende sen a militancia nacionalista. Participou na fundación do grupo Brais Pinto en Madrid e foi un dos impulsores da Unión do Povo Galego (UPG) en 1964. A súa actividade política durante o franquismo levouno á clandestinidade, ás detencións e ao cárcere. Nunca separou a defensa da lingua da reivindicación nacional e social de Galicia.

A súa relación con Vigo, cidade na que residiu durante décadas, estivo tamén marcada pola docencia. Foi catedrático de Lingua e Literatura Española no instituto Santa Irene, onde exerceu durante anos antes da súa xubilación. Desde a cidade olívica continuou desenvolvendo unha intensa actividade intelectual e xornalística.

En 2000 ingresou na Real Academia Galega, institución que presidiu entre 2010 e 2013. A súa etapa á fronte da Academia rematou coa dimisión, tras unha polémica interna que evidenciou tamén o carácter independente e pouco acomodaticio do escritor.

Nos últimos anos mantivo a actividade intelectual e a colaboración xornalística, ademais de dirixir a revista A Trabe de Ouro. En outubro deste mesmo ano recibira o Premio Carlos Casares de Xornalismo Literario, un recoñecemento á súa prolongada traxectoria como articulista.

Méndez Ferrín marcha deixando unha obra monumental e unha figura imposible de reducir a unha etiqueta. Admirado, discutido e incómodo para propios e alleos, foi un dos grandes arquitectos da cultura galega contemporánea. A súa ausencia deixa un baleiro difícil de encher.

ÚLTIMAS

‘Eterno 10’: así se chama a escultura de Iago Aspas que se instalará xunto ao estadio de Balaídos

Hai futbolistas que transcenden os resultados dun partido, os títulos e as estatísticas para...

A Seguridade Social responsabiliza Stellantis por unha doenza profesional en Vigo e impón un recargo do 30 % nas prestacións

A saúde laboral volve situarse no centro do debate sobre as condicións de traballo...

Caballero di agora que “pide que o Goberno de España pague” parte das obras necesarias para ser sede do Mundial

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, dixo este mércores que el "pide que o...

“Non permitiremos un réxime do medo”, sindicatos e movementos sociais condenan o ataque á sede de UGT de Vigo

Sindicatos, movementos sociais e partidos políticos de esquerda volveron condenar este mércores o ataque...