A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, recoñeceu este martes que a capacidade loxística do Porto de Vigo é “clave” para que Galicia estea entre as comunidades autónomas máis exportadoras de todo o país.
Así o sinalou durante un encontro co presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Carlos Botana, no que puxo en valor os últimos datos de exportacións ata setembro, cando en Galicia se acadaron os 23.427 millóns de euros acumulados no ano, un 1,3% máis. Deste xeito, Galicia situouse como a sexta comunidade máis exportadora, practicamente empatada co País Vasco, que rexistrou 23.461,2 millóns, segundo salienta a Xunta nun comunicado.
O encontro serviu tamén para avaliar outros asuntos, como a planificación na que traballa a entidade en materia de electrificación e novas infraestruturas, e a situación da Plataforma Loxística e Industrial de Salvaterra-As Neves (Plisan).
