O comité de empresa de Vitrasa, a concesionaria do transporte urbano de Vigo, denunciou os “horarios obsoletos” que a compañía ofrece ao público, ao considerar que son “imposibles” de cumprir e que provocan atrasos nas distintas liñas de autobuses da cidade. Nun comunicado, a representación dos traballadores lamentou que leva anos reclamando unha actualización dos horarios, malia que a empresa “se nega” a realizar estes cambios alegando diferentes motivos. Segundo critican, nun primeiro momento a compañía escusouse na pandemia, posteriormente na falta de viaxeiros e, máis adiante, no inicio do proceso da nova concesión municipal e no estudo que estaba a realizar o Concello sobre a renovación das liñas.
“Neste momento, a escusa é que o concurso da nova concesión está paralizado e que, sen saber se Vitrasa vai ser a próxima xestora, non van acometer cambios nos horarios”, sinalan desde o comité de empresa, que advirte das consecuencias desta situación tanto para os usuarios como para o persoal. Segundo denuncian, o aumento do número de viaxeiros, unido á presenza de menos autobuses nas rúas, está a provocar atrasos que cualifican de “inasumibles”. Esta situación, explican, fai que os horarios anunciados ao público non se cumpran e que os traballadores da empresa non dispoñan do descanso mínimo legal durante a súa xornada laboral.
O ACENDIDO DAS LUCES DE NADAL PODERÍA AGRAVAR A SITUACIÓN
Ante este escenario, o comité de empresa non descarta iniciar mobilizacións nas próximas semanas, especialmente tendo en conta a proximidade do acendido das luces de Nadal de Vigo, unha época que os representantes dos traballadores consideran especialmente complicada para o funcionamento do transporte urbano. Ademais, denuncian que solicitaron en varias ocasións reunións coa dirección de Vitrasa para tratar de solucionar estas deficiencias, pero non obtiveron resposta.
“Desde o comité de empresa, vendo que en breve se inicia o peor período do ano, como é o acendido das luces de Nadal, e que, tras solicitar en varias ocasións reunións coa dirección da empresa para solucionar estas deficiencias sen obter resposta, non descartamos iniciar algún tipo de mobilizacións para denunciar esta situación”, conclúe a representación dos traballadores.
