O alcalde de Vigo, Abel Caballero, afirmou este luns que Vigo será mundialista porque “a cidade, o goberno e o alcalde non se renden” e advertiu á Xunta e á Deputación de “consecuencias” se non aceptan cofinanciar a reforma da grada de Tribuna en Balaídos (cun custo de 86 millóns de euros).
En declaracións remitidas aos medios, o rexedor olívico referiuse á aceptación, por parte do presidente da Deputación, Luis López, de manter unha reunión para falar da candidatura da cidade a ser sede do Mundial 2030, aínda que matizou que a carta de López “non é entusiasta”. Ademais, advertiu de que, na reunión, deberá abordarse o financiamento da reforma de Tribuna, porque a FIFA reclamará dispoñer desa información.
Caballero defendeu que a parte técnica do proxecto é responsabilidade do Concello e que “vai ser impecable”, e lamentou a impresión de que o goberno local ten que “arrastrar” tanto a institución provincial como a Xunta para que se sumen. Todo iso, lembrou, despois de que a candidatura de Vigo fora inicialmente excluída “con malas artes” por parte da Real Federación Española de Fútbol (RFEF).
O alcalde lembrou que a reforma de Tribuna para ampliar a capacidade do estadio custará 86 millóns de euros, o que implica que cada administración (Concello, Deputación e Xunta) poñería “un pouquiño máis de 7 millóns ao ano” durante catro anos.
APOIOS
“A Xunta e a Deputación non semellan ter moito entusiasmo en pagar. Iso é o que constato a día de hoxe. Porque a Xunta di que ten que pagar o Goberno de España, pero o Goberno de España non está pagando ningún campo de ningunha das sedes e a Deputación di que o proxecto técnico…”, apostilou Caballero.
O rexedor insistiu en que ambas as administracións, galega e provincial, “teñen que asinar” esa achega económica para o campo, que é o que “importa” (prevénse outras actuacións, como campos de adestramento, que elevan o investimento total a 107 millóns), aínda que matizou que, de momento, non ten comunicación da RFEF sobre a visita de representantes da FIFA.
Finalmente, asegurou que a candidatura está “tecnicamente en tempo e forma”, aínda que aclarou que se vai “xusta” é porque a RFEF de Louzán “enganou” Vigo e atrasou todo “dous anos”. “E agora, a Xunta e a Deputación, se non asinan, pois haberá consecuencias, claro”, advertiu.
