A Acampada pola vivenda de Vigo, asentada desde o 12 de outubro na Alameda, decidiu en asemblea iniciar un proceso progresivo de retirada de tendas o vindeiro domingo, 15 de novembro. Este desenvolverase ao longo da semana seguinte e os seus membros calculan que non terminará antes do final da mesma, sen unha data concreta de finalización.
Segundo explican nun comunicado, o principal consenso alcanzado este domingo é que a actividade continúe máis aló da folga xeral do 11 de novembro, na que se están centrando os esforzos das persoas participantes. Unha vez terminada, e tamén durante o proceso de desacampada, o colectivo continuará co seu funcionamento habitual na Alameda, que actualmente alberga máis de 70 tendas.
Os participantes da acampada explican que tanto o asentamento como a folga son un medio e “non un fin” para alcanzar os seus obxectivos sobre a crise habitacional. Por tanto, unha vez se complete o proceso de desacampada, as persoas que a integran continuarán a súa actividade como un colectivo asembleario organizado para loitar pola vivenda.
Farano da man do resto de colectivos da cidade, como até agora, a través de coordinadoras como a Alianza pola Vivenda de Vigo. “En nosa cidade hai un tecido asociativo con moita forza co que imos seguir traballando e que queremos reforzar con nosa presenza e participación”, declaran representantes da acampada. Entre outras das funcións desenvolvidas, apuntan que o labor de axuda e apoio ás persoas en situación de senfogarismo ou risco de exclusión social continuará durante e despois do proceso de desacampada e seguirá constituíndo un dos seus “eixos prioritarios de acción”.
Deste xeito, aseguran que o colectivo está a suplir funcións que as diferentes administracións deberían estar a cumprir na cidade. Resaltan tamén a súa “estreita colaboración” e comunicación constante con Juan Carollo, acampado na Praza do Rei e en folga de fame para pedir ao Concello e á Xunta unha mesa social cos diferentes axentes implicados neste ámbito.
UN MES DE ACAMPADA E MÁIS DE 70 TENDAS
O colectivo advirte que levará polo menos unha semana levantar a gran infraestrutura instalada agora mesmo, que permite durmir, comer, apoiar ás persoas en situación de vulnerabilidade e acoller todas as actividades que se celebran. Actualmente, hai instaladas máis de 70 tendas, nas que pasan a noite outras tantas dependendo da noite e das súas situacións particulares.
“Temos una gran cantidade de material doado que recolocar, polo que o proceso será largo”, indican. Até completalo, levarán a cabo diferentes accións e iniciativas “con total normalidade”. Ademais, pasada a folga, o colectivo fará un mes protestando pola vivenda e están a preparar múltiples actividades na mesma liña para as seguintes semanas.
Tras os centos de persoas que pasaron pola Alameda neste mes, os seus portavoces destacan a achega na xornada folguística da acampada, que, ao seu xuízo, serviu para que tomasen parte na preparación do 11N numerosas persoas que doutro xeito “non estarían implicadas de maneira tan activa”. “Ao longo deste catro semanas creouse una gran sensación de comunidade, tanto entre as persoas acampadas como con todas as participantes, simpatizantes, e os veciños da cidade e do barrio, que non parou de colaborar e doar todo o posible”, conclúen.
ACAMPADAS DE PONTEVEDRA E SANTIAGO
Pola súa banda, as persoas acampadas en Pontevedra teñen previsto retirar as tendas de campaña coincidindo co día da folga xeral, segundo comunicouno o venres o Comité Unitario de Folga de Pontevedra, que animou á cidadanía a participar na xornada do 11 de novembro. En Santiago, a acampada da Praza do Obradoiro non ten planeado aínda retirarse. En declaracións aos medios o pasado mércores, un dos seus portavoces indicou que, polo momento, non existe unha intención de facelo porque consideran que non se conseguiron os obxectivos marcados. “Ata que se produza non temos intención de marcharnos”, sinalou.
