O alcalde de Vigo, Abel Caballero, denunciou que a Xunta pida agora máis documentación para utilizar auga rexenerada na depuradora, despois de solicitalo o Concello en 2022 para usar esta auga na limpeza de rúas. “Tardan 1.543 días en responder e dá un prazo de 15 días para presentar un Plan de Xestión de augas rexeneradas. É unha desvergoña política”, dixo o rexedor nun audio enviado aos medios de comunicación.
Segundo el, este plan non era un requisito no momento de presentar a petición. Caballero dixo que o goberno local enviou no seu día “toda a documentación solicitada” e respondeu os requirimentos adicionais que lle solicitou o Executivo autonómico e agora, catro anos despois, pídenlle máis documentación, asegura.
