A Consellería de Política Social e Igualdade convocou un concerto social, dotado cun máximo de 238.329,67 euros entre 2026 e 2027, para desenvolver un programa de intervención ambulatoria con nenos, nenas e adolescentes en situación de dificultade social e desamparo, que se prestará na área urbana de Vigo e prevé atender arredor de 90 persoas usuarias ao ano.
A convocatoria, recollida no Diario Oficial de Galicia (DOG), busca garantir a continuidade dun servizo que na actualidade presta unha entidade privada sen ánimo de lucro mediante un contrato de xestión de servizos públicos. A Xunta xustifica a concertación na insuficiencia dos seus equipamentos propios, tanto pola falta de instalacións axeitadas como de recursos e especialización para cubrir as necesidades existentes.
O programa ofrecerá orientación e tratamento terapéutico especializado a menores con distintas situacións de vulnerabilidade, entre elas consumo de substancias, relacións disfuncionais coas súas figuras parentais e condutas delitivas. Tamén abordará problemáticas como a violencia sexual, filioparental, escolar e dixital, as condutas suicidas, o trauma complexo, os problemas de apego, as dificultades nos procesos de acollemento e adopción, as adiccións ás novas tecnoloxías, os trastornos da conduta alimentaria e as autolesións.
Con carácter xeral, poderán acceder ao servizo menores de entre 9 e 18 anos, aínda que a atención poderá continuar ou retomarse ata os 21. Tamén se prevé a participación das súas familias como parte do proceso terapéutico e de persoas que cumpran medidas de convivencia con familias ou grupos educativos no marco da lexislación de responsabilidade penal dos menores.
A convocatoria permitirá reservar ata un 10% das prazas estimadas para nenos, nenas e adolescentes que non teñan aberto un expediente nos servizos de protección de menores, pero presenten problemáticas que poidan abordarse desde este programa e sexan derivados por outros axentes sociais.
EQUIPO DE PSICÓLOGOS E ESPECIALISTAS
A entidade que resulte adxudicataria deberá dispor dun ou varios locais na área urbana de Vigo e contar cun equipo integrado por tres psicólogos xerais sanitarios, outros dous psicólogos a media xornada, un especialista en educación sexual e outro en adiccións sen substancia. Un dos psicólogos poderá asumir tamén a coordinación do programa.
A intervención incluirá atención psicolóxica e socioeducativa individual, familiar ou grupal, cun plan de tratamento adaptado a cada caso, seguimento e avaliación dos resultados. A duración xeral do programa completo non deberá superar os doce meses, aínda que poderá reducirse ou prolongarse en función das necesidades e da evolución de cada menor.
Os equipos técnicos de menores da Xunta serán os encargados de propoñer e derivar as persoas usuarias, supervisar o desenvolvemento do programa e coordinarse coa entidade adxudicataria.
VIXENCIA ATA OUTUBRO DE 2027
O concerto terá vixencia desde a súa formalización, prevista para o 15 de decembro de 2026, ata o 31 de outubro de 2027, con posibilidade dunha prórroga de seis meses, ata o 30 de abril de 2028, sempre que exista crédito axeitado e suficiente.
O importe máximo previsto para o período inicial ascende a 238.329,67 euros, dos que 10.662,23 corresponden a 2026 e 227.667,44 a 2027. A resolución recolle, ademais, un valor estimado de 516.387,10 euros ao incluír as posibles prórrogas e modificacións do concerto.
As entidades interesadas deberán estar inscritas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais de Galicia e acreditar, entre outros requisitos, unha experiencia mínima de dous anos en atención á infancia e á adolescencia. A adxudicación realizarase a unha única entidade e as solicitudes deberán presentarse por medios electrónicos no prazo dun mes desde o día seguinte á publicación da convocatoria no DOG.
