InicioPolíticaGuerra entre o Concello de Vigo e o PP polos concertos de...

Guerra entre o Concello de Vigo e o PP polos concertos de Castrelos: Caballero impón a súa presenza no escenario?

Luisa Sánchez invita a Siniestro Total a actuar no Porto de Vigo "sen ningún político de teloneiro" e atribúe a ausencia dunha despedida na cidade á presenza do alcalde nos escenarios. O goberno municipal acúsaa de difundir "mentiras" e rétaa a demostrar que existe algunha cláusula contractual que obrigue os artistas a aceptar a presentación de Caballero.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O goberno municipal de Vigo acusou este luns a vicepresidenta da Deputación de Pontevedra e presidenta do PP local, Luisa Sánchez, de difundir “mentiras” e “falacias” sobre a suposta imposición do alcalde, Abel Caballero, como presentador dos concertos que se celebran no auditorio de Castrelos. A polémica xurdiu despois de que Sánchez lanzase unha invitación a través das redes sociais ao emblemático grupo vigués Siniestro Total, que se despediu dos escenarios en 2022 en Madrid, para que salde a súa “débeda” coa cidade e actúe o próximo verán “sen ningún político de teloneiro”.

A INVITACIÓN DE LUISA SÁNCHEZ A SINIESTRO TOTAL

Nun vídeo difundido nas redes sociais, a vicepresidenta provincial aparece escoitando un fragmento dunha entrevista realizada na Cadena SER ao xornalista vigués Fernando González “Gonzo”. Nesa conversa, o xornalista fai referencia a que Siniestro Total non quixo celebrar o seu concerto de despedida en Vigo porque, segundo explica, non quería que o alcalde, Abel Caballero, saíse a presentar o grupo e exercese de “teloneiro”, como ocorre habitualmente nos concertos organizados en recintos municipais como Castrelos.

“Que cousas! A banda máis emblemática de Vigo acaba despedíndose en Madrid, pola imposición de Abel Caballero de actuar de teloneiro. Vigo merécese isto?”, cuestiona Luisa Sánchez no vídeo. A dirixente popular lembra tamén que este verán, da man da Xunta e da Deputación, se organizou un concerto de homenaxe aos grupos da Movida viguesa, coa participación de artistas como Semen Up, Miguel Costas ou Killer Barbies. “Os artistas de aquí, na súa cidade”, sinala Sánchez, antes de establecer unha comparación coa actuación do alcalde vigués.

“Hai unha diferenza moi clara entre pór a cultura no escenario e necesitar estar ti no centro do escenario”, afirma. A vicepresidenta da Deputación remata a súa mensaxe cun ofrecemento directo á banda viguesa. “Pois eu dígolles a Siniestro Total que se queren actuar sen ningún político facendo de teloneiro, diante dos seus fans, na súa cidade, poden facelo este próximo verán no Porto de Vigo. Os protagonistas son eles, só teñen que dicir que si”, conclúe.

O CONCELLO RETA AO PP A DEMOSTRAR QUE EXISTE UNHA IMPOSICIÓN

A resposta do goberno municipal non tardou en chegar. Nun comunicado, o executivo local desafiou o Partido Popular a presentar un só contrato dun concerto de Castrelos que inclúa unha cláusula que obrigue os artistas a contar con Abel Caballero como presentador. O Concello sostén que non existe ningunha obriga contractual neste sentido, aínda que o rexedor se presenta ante o público en todas as actuacións que se celebran neste auditorio. “Todos os pregos e contratos son públicos e poden consultarse no Perfil do Contratante (…), onde se pode comprobar que non existe ningunha esixencia neste sentido”, sinalou o goberno municipal.

Ademais, acusou a Luisa Sánchez de “trasladarlle á cidadanía unha versión dos feitos que non se corresponde coa realidade”. O executivo local insiste en que non existe “ningunha imposición contractual” e asegura que o Concello “xamais asinou un contrato nin se incluíu nos pregos de contratación ningunha cláusula que obrigue á súa participación (a do alcalde) nos concertos”.

A DESPEDIDA DE SINIESTRO TOTAL, NO CENTRO DA CONTROVERSIA

O desencontro político ten como punto de partida a despedida dos escenarios de Siniestro Total, celebrada en Madrid en 2022, e as declaracións de Fernando González “Gonzo” sobre os motivos polos que o grupo non escolleu Vigo para esa actuación. Mentres Luisa Sánchez atribúe esa decisión á suposta imposición da presenza de Abel Caballero no escenario, o goberno municipal rexeita que exista ningunha obriga contractual para que os artistas acepten a presentación do alcalde. A polémica queda así centrada na presenza habitual do rexedor nos concertos de Castrelos e na existencia ou non dunha imposición aos grupos que actúan no auditorio municipal.

ÚLTIMAS

Caballero estala contra o BNG tras aprobar a folga xeral en Vigo: “Vostede é de Putin, a democracia para vostede non existe”

O Pleno do Concello de Vigo aprobou este luns unha moción do BNG de...

Alerta en Vigo polo envío de correos electrónicos fraudulentos que suplantan á Policía Local

O Concello de Vigo alertou da circulación de correos electrónicos fraudulentos nos que se...

Vigo esixe á Xunta compensacións xustas para máis de 400 propietarios afectados polos plans de vivenda

O Pleno do Concello de Vigo aprobou este luns por unanimidade unha moción do...

Atopan case 50 garrafas de gasóleo e gasolina flotando na ría de Vigo

Un pesqueiro que navegaba na madrugada deste luns pola ría de Vigo avistou 49...