O Pleno do Concello de Vigo aprobou este luns unha moción do BNG de apoio á folga xeral convocada para o próximo 11 de novembro, cos votos favorables dos nacionalistas e do PSOE e o rexeitamento do PP. O debate estivo marcado polas discrepancias entre os dous grupos que apoiaron a iniciativa e por un duro enfrontamento entre o alcalde, Abel Caballero, e o portavoz nacionalista, Xabier Pérez Igrexas.
A tensión culminou cando o rexedor socialista se dirixiu ao representante do BNG para espetarlle: “Non está ao meu nivel, señor portavoz (…), 19 a 3, a democracia fala, e vostede é de Putin, a democracia para vostede non existe”. O intercambio produciuse despois dun debate no que o PSOE cualificou a moción de “partidista e sectaria”, malia acabar votando a favor, mentres que o PP acusou as formacións de esquerda de instrumentalizar a convocatoria en plena campaña electoral.
O BNG RECLAMA MEDIDAS CONTRA A CRISE DE VIVENDA E A PERDA DE PODER ADQUISITIVO
O portavoz municipal do BNG, Xabier Pérez Igrexas, defendeu a necesidade da folga xeral ante o actual contexto socioeconómico, marcado polo encarecemento dos bens básicos, a perda de poder adquisitivo dos salarios e as dificultades para acceder a unha vivenda a prezos accesibles. A moción expresa o apoio á convocatoria “impulsada pola CIG en coincidencia coas plataformas e colectivos en defensa do dereito á vivenda” e solicita que o Concello garanta aos seus traballadores o exercicio do dereito a participar na mobilización.
Ademais, reclama á Xunta e ao Goberno central medidas efectivas para afrontar a crise da vivenda, entre elas a declaración de zonas tensionadas, a regulación das vivendas de uso turístico (VUT) e a creación dun parque público de vivenda. No ámbito municipal, o BNG esixe que o goberno de Vigo cumpra os acordos plenarios en materia de vivenda, comezando por solicitar a declaración da cidade como zona tensionada. Tamén propón a creación dunha Mesa Local polo Dereito á Vivenda para elaborar un plan de resposta urxente ante a escalada dos prezos e a redución da oferta de alugueiro.
O PSOE APOIA A FOLGA, PERO ACUSA AO BNG DE PROMOVER A DIVISIÓN SINDICAL
Pola súa banda, o portavoz do goberno municipal, o socialista Carlos López Font, criticou duramente o contido da proposta nacionalista, que cualificou de “partidista e sectaria”. O concelleiro presentou unha emenda para que a moción apoiase a posición de “todos os sindicatos, sen exclusión” e recoñecese o traballo do Concello na creación e rehabilitación de vivendas. Porén, a modificación non foi aceptada polo BNG.
López Font acusou os nacionalistas de pretender apropiarse da convocatoria de folga e de presentar unha iniciativa que “incita á división” e “obriga a votar ideoloxía”. A pesar destas críticas, xustificou o voto favorable do PSOE porque, segundo defendeu, o goberno municipal apoia a convocatoria, “sempre estivo á beira das demandas dos traballadores” e participará na manifestación organizada por CC.OO. e UXT.
“Non compartimos o rumbo ideolóxico da moción nin a división das forzas sindicais, nin a celebración doutra manifestación diferente á dos convocantes”, proclamou. Ante estas palabras, Pérez Igrexas respondeu que “non hai nada máis reaccionario que rexeitar a ideoloxía”, especialmente cando esa posición procede dun partido “que se di progresista”.
CABALLERO AO BNG: “NON ESTÁ AO MEU NIVEL, SEÑOR PORTAVOZ”
O momento de maior tensión chegou unha vez rematado o debate. O alcalde, Abel Caballero, dirixiuse a Pérez Igrexas para sinalarlle que non se pronunciara sobre a emenda presentada polo PSOE. O portavoz nacionalista respondeu que non a aceptaba, aínda que as súas palabras non puideron escoitarse porque tiña o micrófono apagado. Foi entón cando o rexedor protagonizou unha dura intervención contra o representante do BNG.
“Sen entrar a debater co portavoz, que é o que quere, que eu debata con el. Non está ao meu nivel, señor portavoz (…), 19 a 3, a democracia fala, e vostede é de Putin, a democracia para vostede non existe”, afirmou Caballero. O alcalde fixo referencia ao número de concelleiros que teñen o PSOE e o BNG na corporación municipal para cuestionar a actitude do portavoz nacionalista. “Vostede non respecta a democracia, está continuamente negando que aquí hai 19 e aí hai 3. E foron os cidadáns de Vigo, os que parece que vostede non respecta”, concluíu.
O PP DENUNCIA “CINISMO” E “HIPOCRISÍA” NA CONVOCATORIA
O Partido Popular votou en contra da moción, aínda que recoñeceu que existen motivos para convocar unha folga xeral. O concelleiro popular Miguel Martín responsabilizou os anos de goberno de Pedro Sánchez da perda de poder adquisitivo e das dificultades de acceso á vivenda. Por este motivo, acusou o PSOE e o BNG de “cinismo político e hipocrisía”, ao considerar que pretenden “dirixir e instrumentalizar” unha protesta que, ao seu xuízo, debería estar orientada contra o Executivo central. Martín asegurou que “claro que hai motivos” para a folga e que “hai moito tempo que se tiña que convocar”.
Con todo, cualificou de “extemporánea” a mobilización do 11 de novembro, ao celebrarse en plena campaña electoral, despois de oito anos nos que, segundo criticou, sindicatos e outros colectivos permaneceron “calladitos”. “Non é un exercicio de coherencia política ou de defensa dos intereses dos traballadores e as familias, máis ben é o contrario, a utilización electoralista e partidista dos traballadores e dos cidadáns”, censurou. Finalmente, a moción saíu adiante cos votos de PSOE e BNG, malia as diferenzas expresadas durante o debate, e co voto contrario do PP.
