InicioPolíticaVigo esixe á Xunta compensacións xustas para máis de 400 propietarios afectados...

Vigo esixe á Xunta compensacións xustas para máis de 400 propietarios afectados polos plans de vivenda

O Pleno municipal aproba por unanimidade reclamar unha mesa de diálogo cos afectados polas expropiacións do Ofimático e Ramón Nieto-Santa Cristina. A Corporación tamén pide á Deputación de Pontevedra que achegue 20 millóns de euros para ampliar o Ifevi.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O Pleno do Concello de Vigo aprobou este luns por unanimidade unha moción do grupo socialista para esixir á Xunta de Galicia compensacións xustas para os máis de 400 propietarios afectados polos Proxectos de Interese Autonómico (PIA) previstos nas zonas do Ofimático e Ramón Nieto-Santa Cristina, que contemplan expropiacións de vivendas e terreos.

A concelleira de Urbanismo, María José Caride, defendeu a necesidade de construír vivenda pública na cidade, pero criticou o procedemento escollido polo Goberno galego, ao considerar que os PIA son unha ferramenta que “leva por diante os dereitos dos veciños e do Concello”. Segundo explicou, as actuacións previstas afectan a máis de 400 propietarios e arredor de 85 vivendas, polo que reclamou que as persoas afectadas reciban compensacións económicas xustas.

Caride considerou “imprescindible” a creación dunha mesa de diálogo cos propietarios para escoitar as súas demandas e atender as súas necesidades. Ademais, criticou que, tras anos de gobernos do PP na Xunta, apenas se construísen unhas decenas de vivendas protexidas en Vigo e ningunha destinada ao alugueiro social.

Pola súa banda, o portavoz municipal do BNG, Xabier Pérez Igrexas, coincidiu na necesidade de impulsar vivenda pública e protexer os dereitos dos afectados, pero cuestionou o uso dos PIA, que definiu como “unha barra libre” para a actuación autonómica. O nacionalista lembrou que existen outras alternativas para abordar o problema da vivenda, como a mobilización do amplo parque de inmobles baleiros que hai na cidade.

Desde o PP, Fernando G. Abeijón asegurou que os populares defenderán os intereses dos veciños e o respecto aos seus dereitos. Con todo, matizou que a Xunta xa mantivo reunións cos afectados e continuará facéndoo. Neste sentido, contrapuxo esa actitude á do alcalde de Vigo, Abel Caballero, ao que reprochou a súa relación cos propietarios afectados polo proxecto da nova autovía na parroquia de Bembrive.

VIGO RECLAMA 20 MILLÓNS Á DEPUTACIÓN PARA AMPLIAR O IFEVI

Na mesma sesión, o Pleno aprobou outra moción socialista para reclamar á Deputación de Pontevedra unha achega de 20 millóns de euros destinada á ampliación e modernización do Instituto Ferial de Vigo (Ifevi). A proposta contou cos votos favorables do PSOE e do BNG e coa abstención do PP, que presentou unha emenda finalmente rexeitada.

O portavoz socialista, Carlos López Font, defendeu que a institución provincial, que forma parte do órgano de goberno do recinto feiral, debe contribuír economicamente ao proxecto. Segundo denunciou, a Deputación “non pon un euro”, polo que reclamou que achegue, como mínimo, a mesma cantidade comprometida polo Consorcio da Zona Franca de Vigo: 20 millóns de euros.

Pola súa banda, a portavoz do PP e vicepresidenta da Deputación, Luisa Sánchez, cualificou a reclamación do Goberno municipal de “reacción infantil” e acusou a Abel Caballero de intentar apartar a institución provincial do padroado do Ifevi. “Actúa como un neno pequeno, caprichoso”, afirmou Sánchez, que acusou o rexedor de buscar “escusas” para paralizar a ampliación do recinto feiral.

A representante popular presentou unha emenda para reclamar tamén achegas económicas ao resto das institucións que forman parte do padroado e pedir explicacións sobre por que o Concello non esixiu esa contribución cando a Deputación estaba presidida pola socialista Carmela Silva. A proposta do PP foi rexeitada.

Finalmente, López Font criticou duramente a emenda presentada por Sánchez, ao considerar que “reflecte o que é o PP de Vigo contra a cidade”. O socialista tamén arremeteu contra a vicepresidenta provincial, da que afirmou que ocupa ese cargo “de casualidade” e como “premio de consolación”.

ÚLTIMAS

Atopan case 50 garrafas de gasóleo e gasolina flotando na ría de Vigo

Un pesqueiro que navegaba na madrugada deste luns pola ría de Vigo avistou 49...

Policías, dúas enfermeiras e unha médico fóra de servizo salvan a vida a un home en parada cardiorrespiratoria nunha rúa de Vigo

Dos axentes da Policía Nacional fóra de servizo interviñeron o pasado 20 de outubro...

O goberno de Vigo pedirá en pleno que a Xunta garanta o abastecemento de auga de Vigo

O goberno de Vigo, liderado por Abel Caballero (PSOE), levará ao pleno do próximo...

Trasladadas dúas persoas que resultaron afectadas nun incendio dun piso en Vigo

Dúas persoas tiveron que ser trasladadas ao hospital tras verse afectadas por inhalación de...