A Xunta de Galicia sinalou este xoves que é “difícil avanzar” nun acordo para impulsar a candidatura de Vigo a ser sede do Mundial de Fútbol de 2030, tendo en conta que “non hai proxecto, non hai cronograma nin compromisos de todas as administracións” para a reforma necesaria do estadio. Así o trasladou, en declaracións remitidas aos medios, a delegada territorial do Goberno galego, Ana Ortiz, quen, con todo, insistiu en que “a Xunta estivo, está e estará sempre a favor” de que a cidade olívica acolla o Mundial e de “xuntar forzas para chegar a un acordo institucional”.
Igualmente, defendeu que o Goberno autonómico ten vontade de acadar un acordo de financiamento, pero matizou que “resulta moi difícil” cando non existe proxecto para a reforma de Tribuna e o resto das actuacións, nin prazos nin implicación de todas as administracións. “O único certo é que Abel Caballero incumpriu todos os compromisos. Non hai proxecto de reforma de Balaídos para garantir que cumpre co aforo que pide a FIFA”, afirmou Ana Ortiz.
Así mesmo, insistiu en que “non hai cronograma” e que a Xunta precisa contar con “datas de licitación, adxudicación e obras” para que haxa unha garantía de “chegar a tempo” ao Mundial de 2030. Ademais, engadiu, “non hai compromisos de todas as administracións porque o Goberno central segue sen dicir nada”. “É moi difícil avanzar cando todo é ruído e Caballero non quere chegar a acordos, como sucede con tantos outros bos proxectos para a cidade”, lamentou a delegada. Ortiz sinalou que o alcalde “fala agora” dun investimento de algo máis de 100 millóns de euros, unha cifra que comparou coa que a Xunta ten reservada nos seus orzamentos de 2027 para políticas de vivenda en Vigo, unha cuestión que definiu como “o maior problema que hai neste país neste momento”.
