O Concello de Vigo homenaxeará a Xosé Humberto Baena e José Luis Sánchez-Bravo, dous dos últimos fusilados polo franquismo, coa instalación de placas conmemorativas na cidade co obxectivo de “manter viva” a memoria de ambos. Así mesmo, o alcalde, Abel Caballero, informou os familiares das dúas vítimas de que o Concello fará unha declaración institucional para rehabilitar a memoria dos dous mozos, ademais das homenaxes e da colocación das placas.
Consultada por Europa Press, a irmá de Xosé Humberto, Flor Baena, asegurou que tanto para ela como para o resto da familia esta noticia “é unha alegría enorme”, despois de décadas de loita por limpar o nome do seu irmán. “Pouco a pouco imos vendo a luz”, sinalou emocionada. Ademais, avanzou a intención do Goberno local de darlle o nome do seu irmán a unha rúa. “É a rúa onde nós viviamos cando eramos pequenos e onde xogabamos de nenos, toda esa zona trae uns recordos inesquecibles… Sei que a el lle encantaría“, subliñou. En concreto, Xosé Humberto Baena Alonso (1950-1975) foi un dos últimos fusilados da ditadura, o 27 de setembro de 1975, tras ser condenado a morte nun proceso que a súa familia sempre denunciou como unha “farsa”.
Pola súa banda, o Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Vigo valorou positivamente o anuncio de que o Goberno municipal vaia render unha homenaxe pública tanto a Xosé Humberto Baena como a José Luis Sánchez-Bravo. Porén, reclamou que este recoñecemento se faga extensivo a Moncho Reboiras, referente da loita obreira antifranquista na cidade, e que se proceda á retirada inmediata da Cruz do Castro, que cualifica como “o maior monumento de exaltación da ditadura que continúa en pé en Vigo”.
