O alcalde de Vigo, Abel Caballero, criticou este mércores a visita realizada polo presidente da Xunta a Navia, onde o Goberno galego ten 927 vivendas en construción (dun total de 1.600 previstas), e asegurou que o Concello e a Zona Franca xuntos fan máis vivenda na cidade ca a proxectada pola Xunta para os próximos tres anos.
Nun audio remitido aos medios, o rexedor olívico arremeteu contra Rueda por facer unha visita “prohibida” tras a convocatoria electoral e por ir a Vigo “a mentir”. Así, sinalou que “todo o mundo sabe” que o Goberno galego non construíu “nin unha vivenda” nos últimos 18 anos para destinala ao alugueiro a prezo taxado. “Agora están facendo vivendas en Navia e o 60% págao o Goberno central, págao Pedro Sánchez”, proclamou, e engadiu que os pisos anunciados nos PIA de Ramón Nieto e o Ofimático non estarán rematados “ata 2040” e que a Xunta dará prioridade á iniciativa privada, “ralentizando” as vivendas de promoción pública.
Caballero incidiu en que o Goberno bipartito presidido por Touriño construíu 450 vivendas en Navia para alugueiro social (das que 35 se cederon ao Concello). “A política é iso, non vir en campaña electoral a repetir unha visita que xa fixeron 80 veces ás mesmas vivendas e ocultar que o 60% o paga o Goberno de España”, subliñou.
Ademais, acusou o Executivo autonómico de rexeitar o plan de vivenda estatal dotado con 7.000 millóns de euros e de impedir que os fondos fosen transferidos directamente ao Concello. Segundo Abel Caballero, o Concello e a Zona Franca promoven máis vivenda, entre as rehabilitacións e as que “se están facendo en programación”, que “as que vai facer a Xunta nos próximos 3 anos”. “Máis nós. Fixemos moito máis do que fixo a Xunta. Rueda sempre, co PP, contra Vigo”, sentenciou.
