A Alianza pola Vivenda de Vigo, plataforma integrada por varios colectivos sociais, convocou para este luns, 12 de outubro, unha “concentración-vixilia” en homenaxe a Maricarmen e “en repulsa pola especulación que a obrigou a morrer”.
O acto de protesta, que levará por nome “Vigo por Maricarmen“, terá lugar ás 19.00 horas diante do Museo de Arte Contemporánea (MARCO). Esta convocatoria súmase a outras mostras en sinal de lembranza e indignación polo falecemento desta veciña de Madrid, convertida nun símbolo das protestas pola vivenda tras o seu desafiuzamento en setembro.
En concreto, a Alianza pola Vivenda considera que a súa “loita e determinación” serviron de “impulso” para a “vaga de indignación que atravesa o país”. Ademais, a entidade quere denunciar coa concentración a “incapacidade” política para tomar “medidas contundentes para facer fronte ao conflito da vivenda”.
