A Diocese de Tui-Vigo lamentou o roubo rexistrado o pasado mércores na igrexa de San Mamed de Priegue, en Nigrán, da que desapareceron varios cálices, copóns, patenas, unha xerra de prata e o copón cheo de formas do interior do sagrario.
Nun comunicado, a Diocese sinalou que o roubo “causa unha especial tristura en toda a comunidade crente, que ten na Eucaristía a fonte e o cumio da vida de fe”. Ante este feito, o bispo de Tui-Vigo, Antonio Valín, expresou “o seu fondo pesar”, en particular, polo “roubo sacrílego e a profanación do Santísimo Sacramento”. Así mesmo, trasladou a súa proximidade aos fieis da comunidade parroquial de San Mamed de Priegue.
A Diocese agradeceu a colaboración das autoridades e das forzas e corpos de seguridade na investigación do sucedido, e confía en que poidan esclarecerse canto antes as circunstancias destes feitos e recuperarse, se for posible, os obxectos sagrados subtraídos. Así mesmo, anunciou que “como resposta a este acto sacrílego, celebrarase, nunha data aínda por determinar, unha eucaristía de reparación e desagravio na igrexa de San Mamed de Priegue, á que se convida a participar toda a comunidade diocesana”.
