A Fundación Érguete-Integración alertou este venres do aumento da aporofobia en Vigo e reclamou alternativas para persoas sen fogar, no marco do Día Mundial das Persoas Sen Fogar que se conmemora cada 10 de outubro. A organización quixo pór o foco na realidade que viven as persoas que ven obrigadas a durmir cada día na rúa, en albergues ou en casas e instalacións abandonadas na cidade de Vigo.
“Como entidade especializada no acompañamento a persoas en situación de exclusión social severa e sen fogar na cidade, a organización está a detectar un preocupante crecemento da aporofobia e de discursos de odio cara a este colectivo, especialmente nas redes sociais”, lamentou a Fundación.
Respecto diso, puxo exemplos dos últimos meses, referíndose mesmo a contas en redes sociais dedicadas a difundir imaxes vejatorias de persoas sen fogar. Por todo iso, pediu ás administracións e á sociedade que se aborden as causas que están detrás desta situación e que se amplíen as alternativas dispoñibles para que estas persoas poidan ter unha vida digna.
