InicioPolíticaDo voto dos emigrantes ao voto da diáspora: como mudou o sufraxio...

Do voto dos emigrantes ao voto da diáspora: como mudou o sufraxio exterior en Galicia

PUBLICADO O

- Advertisement -

Durante décadas, o voto exterior galego funcionou cun sistema no que a Administración enviaba directamente as papeletas ao domicilio do elector. A falta de actualización do censo e a escasa identificación persoal abriron espazos para irregularidades que acabaron provocando unha profunda reforma. Hoxe o procedemento é outro. Pero a expansión da nacionalidade española entre fillos e netos da emigración volveu colocar o voto exterior no centro do debate.

Hai unha imaxe que durante anos acompañou cada elección galega: as sacas procedentes de América chegando a Galicia cando o escrutinio ordinario xa rematara.

Sacas de voto do exterior para o seu reconto electoral.
Sacas de voto do exterior para o seu reconto electoral.

Non era unha cuestión menor. O voto exterior podía representar varios puntos porcentuais do electorado e, nun Parlamento cunha repartición axustada, chegar a decidir un escano. Nas eleccións autonómicas de 2001, por exemplo, había 268.213 galegos inscritos no Censo Electoral de Residentes Ausentes, o CERA, case o 11 % do censo. O voto exterior xa fora decisivo en anteriores eleccións e o seu escrutinio podía alterar a composición parlamentaria. Pero detrás daquela enorme bolsa electoral había un problema menos visible: quen estaba realmente dentro do censo?

Un censo construído a través dos consulados

O CERA naceu en 1985 para permitir votar aos españois que residían permanentemente fóra de España. O elector quedaba vinculado electoralmente a unha circunscrición española, aínda que vivise a miles de quilómetros. Esa vinculación non esixía necesariamente ter vivido recentemente en Galicia.

Xa nas normas de inscrición do CERA dos anos oitenta se contemplaba que os españois nacidos no estranxeiro que nunca residiran en España puidesen quedar inscritos no municipio da última residencia dos seus pais ou ascendentes directos, ou no municipio de nacemento destes.

Era unha consecuencia lóxica da concepción española da cidadanía: o vínculo electoral non dependía exclusivamente da residencia, senón da nacionalidade e da conexión administrativa coa última residencia ou coa familia de orixe. Para Galicia, unha comunidade marcada por unha emigración masiva, isto tiña unha importancia extraordinaria.

Un fillo ou un neto dunha familia emigrada podía ser español, residir en Arxentina, Uruguai, Venezuela, México, Suíza ou Alemaña e, sen ter vivido nunca en Galicia, formar parte do electorado dunha provincia galega.

O problema dos censos que non morrían

O sistema tiña unha debilidade evidente: a calidade do censo dependía en boa medida de que os consulados e os rexistros comunicasen correctamente os cambios de domicilio, retornos e falecementos.

En 2001 o Goberno realizou unha importante operación de depuración do CERA. O resultado foi revelador: apareceron 8.882 galegos falecidos que seguían figurando no censo e outras 3.384 duplicidades, é dicir, persoas que aparecían inscritas máis dunha vez. A propia información difundida daquela pola Oficina do Censo Electoral describía esas inclusións como persoas que figuraban administrativamente como vivas sen que constase a súa defunción nos consulados.

Non significa que esas 8.882 persoas falecidas votasen. Significa algo diferente e igualmente importante: o sistema estaba enviando documentación electoral a persoas que xa morreras ou que aparecían duplicadas no censo. E aí aparecía a vulnerabilidade.

Antes da reforma de 2009, a documentación electoral era enviada de oficio ao domicilio que figuraba no rexistro. Se unha persoa falecera e o Consulado non comunicara a baixa, a documentación podía seguir chegando á súa antiga dirección.

En 2001 o El País documentou, por exemplo, o caso dunha emigrante galega en Uruguai que denunciou que unha persoa que dicía actuar en nome do PP recollera documentación electoral correspondente ao seu marido falecido e á súa filla, residente desde había vinte anos en Ecuador.

O problema non era que a lei permitise votar por outra persoa. Nunca foi legalmente posible ceder o voto. O problema era que o mecanismo de control podía non ser suficiente para impedir que alguén tentase facelo.

A Galicia da “quinta provincia”

A magnitude do fenómeno provocou unha auténtica guerra política. En 2001, unha mostra realizada polo BNG en catro municipios galegos atopou porcentaxes moi elevadas de persoas falecidas, retornadas ou con domicilios desactualizados dentro dos censos exteriores examinados. O risco sinalado era evidente: se as papeletas se enviaban a domicilios que xa non correspondían ao elector, outra persoa podía ter acceso á documentación.

A prensa chegou a bautizar o fenómeno como a aparición dunha especie de “quinta provincia” galega ao outro lado do Atlántico. E había unha razón para a preocupación.

En 1993 o número de galegos residentes no exterior con dereito a voto era de pouco máis de 104.000. En 2001 xa se aproximaba aos 270.000. Ese espectacular crecemento chamou a atención sobre a actualización do censo e sobre a extraordinaria concentración de persoas de idade moi avanzada en determinados consulados americanos. A depuración posterior confirmou que unha parte significativa dese crecemento non correspondía a novos electores reais, senón a problemas administrativos acumulados.

Feijóo nunha intervención como presidente de Correos entre os anos 2000 e 2003 – Foto Correos

Mortos que recibían papeletas

As historias máis chamativas chegaron nas eleccións xerais de 2000 e nas autonómicas galegas de 2001. Foron denunciados votos procedentes de persoas xa falecidas. Pepe Blanco chegou a presentar exemplos de papeletas atribuídas a falecidos procedentes de Buenos Aires e Montevideo.

Pero hai que facer unha distinción fundamental entre unha irregularidade do censo e un fraude electoral demostrado.

Que unha persoa morta aparecese no CERA era unha irregularidade administrativa documentada. Que alguén utilizase a documentación desa persoa para emitir un voto era unha fraude electoral e debía demostrarse caso por caso. Esta diferenza é importante porque evita transformar unha vulnerabilidade real do sistema nunha afirmación que non estea probada.

2005: o escándalo alcanza o seu punto máis alto

As eleccións galegas de 2005 volveron colocar o voto exterior baixo os focos.

En Pontevedra recibíronse preto de 37.000 sobres procedentes do exterior. Só 30.948 acabaron converténdose en votos válidos. Entre os sobres rexeitados apareceron documentacións acompañadas de certificados de defunción. Houbo ademais unha batalla política e xurídica arredor de miles de votos recibidos sen determinados selos postais. O PP impugnou inicialmente a decisión da Xunta Electoral de non computalos; a Xunta Electoral Central rexeitou posteriormente o recurso.

Pero o problema non se limitaba aos falecidos. En 2005 e 2007 apareceron denuncias de captación organizada de compra de votos na emigración. Houbo acusacións de compra de papeletas, ofertas económicas por voto e intermediarios encargados de reunir documentación electoral.

En 2007, por exemplo, a Fiscalía investigou o incremento do censo emigrante en varios municipios e supostos captadores de votos. El País documentou denuncias segundo as cales se ofrecían cantidades económicas por papeletas obtidas en América.

Tamén se denunciaron viaxes de responsables políticos ao exterior, campañas de captación e utilización partidista das estruturas da emigración. Pero, novamente, unha denuncia non equivale a unha condena.

O relevante historicamente é que todos os grandes partidos galegos denunciaran en diferentes momentos as debilidades do sistema, aínda que as acusacións se cruzasen entre eles segundo quen gobernase e quen estivese na oposición.

2009: a primeira gran barreira de identificación

As eleccións autonómicas galegas do 1 de marzo de 2009 marcaron un punto de inflexión. A Xunta Electoral Central aprobou en xaneiro de 2009 unha instrución específica para garantir o exercicio persoal do voto dos residentes ausentes.

Desde aquela convocatoria, o voto por correo dos residentes ausentes debía ir acompañado dunha fotocopia do DNI ou pasaporte español, ou, no seu defecto, dunha certificación de nacionalidade expedida polo Consulado.

A Xunta Electoral deixou claro que os votos que non incorporasen esa identificación non debían computarse. É dicir, a afirmación de que en 2009 “calquera podía mandar o voto sen identificarse” xa non describe correctamente o sistema utilizado naquelas eleccións. A reforma chegou precisamente despois de anos de polémicas.

E os datos oficiais permiten medir a dimensión do electorado exterior: nas eleccións galegas de 2009 había 335.357 electores residentes no estranxeiro, fronte a 2.311.515 residentes en Galicia. En Ourense eran 74.461 e en Pontevedra 99.017. O voto exterior representaba así máis do 12 % do censo total galego.

O “voto rogado”: pechar unha porta e abrir outra

En 2011 chegou a reforma máis profunda. A Lei Orgánica 2/2011 introduciu o chamado voto rogado.

O elector residente no exterior xa non recibía simplemente a documentación e votaba. Tiña que solicitar previamente o voto. A filosofía era clara: reforzar a garantía de que era o propio elector quen decidía participar. Pero a reforma tivo un efecto colateral enorme. A burocracia, os prazos e a dependencia dos correos internacionais fixeron caer drasticamente a participación exterior.

A propia Lei Orgánica 12/2022 recoñece que nas eleccións xerais de 2011, 2015, 2016 e 2019 menos do 10 % dos electores CERA chegaron a solicitar o voto, fronte a taxas de participación exterior moi superiores antes da reforma. O remedio contra a fraude acabou creando outro problema: moitos cidadáns que querían votar simplemente non conseguían completar o procedemento a tempo.

A chamada “Lei de Netos”

E aquí aparece outro capítulo fundamental para entender o voto exterior galego actual. A primeira gran apertura produciuse coa Lei 52/2007, coñecida como Lei de Memoria Histórica.

A súa disposición adicional sétima permitiu adquirir a nacionalidade española de orixe a determinadas persoas cuxo pai ou nai fora orixinariamente español e tamén aos netos de persoas que perderan ou renunciaran á nacionalidade como consecuencia do exilio.

Isto significaba algo transcendental: unha persoa nacida en Arxentina, Uruguai, Cuba, Venezuela ou México, que nunca vivira en España, podía converterse en cidadá española.

Se ademais tiña 18 anos ou máis e residía no estranxeiro, podía quedar inscrita no CERA e exercer os dereitos electorais correspondentes. Non era necesario ter vivido en Galicia. O vínculo electoral podía construírse a partir da relación administrativa co municipio de residencia anterior ou co municipio de orixe dos ascendentes.

A Lei de Memoria Democrática amplía novamente a porta

En 2022 a Lei de Memoria Democrática ampliou este mecanismo. A disposición adicional oitava permite optar á nacionalidade española a persoas nacidas fóra de España cuxo pai, nai, avó ou avoa fosen orixinariamente españois e perderan ou renunciaran á nacionalidade como consecuencia do exilio nos supostos previstos pola lei.

Tamén inclúe outros casos, entre eles fillos maiores de idade de persoas que obtiveron a nacionalidade española de orixe mediante a propia Lei de Memoria Democrática ou mediante a anterior Lei de Memoria Histórica.

O efecto xurídico é importante: non se trata dun permiso de residencia nin dunha categoría simbólica de “descendente de español”. Trátase da adquisición da nacionalidade española de orixe.

E a nacionalidade leva aparellados os dereitos fundamentais dos cidadáns españois, incluído o dereito de sufraxio cando se cumpren os requisitos electorais.

Un galego electoral que nunca pisou Galicia

Isto permite entender unha cuestión que ás veces se explica mal. Un descendente da emigración pode: nacer en Arxentina; vivir toda a súa vida en Arxentina; ter tamén nacionalidade arxentina; obter posteriormente a nacionalidade española pola Lei de Memoria Democrática; nunca ter vivido en Galicia; nunca ter votado nunhas eleccións galegas; e, con todo, ser elector nunha circunscrición galega.

Non porque teña un “voto especial”. Senón porque é cidadán español e está inscrito no CERA nunha circunscrición española.

A dobre nacionalidade tampouco significa ter dous votos en España. Unha persoa que sexa arxentina e española segue tendo un único dereito de sufraxio español. A súa eventual participación nas eleccións do país onde reside dependerá da lexislación dese país.

O que cambia é a dimensión do corpo electoral español no exterior.

Galicia, unha vez máis, no centro

A importancia deste fenómeno é especialmente grande en Galicia porque a comunidade ten unha das maiores diásporas españolas.

En 2009 xa había 335.357 electores galegos no exterior. E o proceso de nacionalización da Lei de Memoria Democrática está aumentando novamente o tamaño do electorado exterior.

Segundo datos publicados en 2026, nas oficinas consulares españolas presentáronse máis de 1,2 millóns de solicitudes de nacionalidade ao abeiro da Lei de Memoria Democrática; 571.761 expedientes foran aprobados e 333.696 inscricións xa se practicaran a 31 de maio de 2026.

No caso galego, información publicada en xullo de 2026 situaba o incremento do electorado exterior asociado á chamada Lei de Nietos en arredor de 40.000 persoas, facendo que o censo exterior galego equivalese xa aproximadamente a unha quinta parte do electorado total da comunidade.

Non todos eses novos cidadáns son automaticamente electores: deben ter a idade legal e estar correctamente inscritos no censo correspondente. Pero a magnitude do fenómeno explica por que o debate regresou.

E como se vota agora?

O sistema actual é radicalmente diferente do que existía a comezos dos anos 2000. Desde a reforma de 2022 desapareceu o voto rogado. O elector inscrito no CERA recibe de oficio a documentación electoral.

A Oficina do Censo Electoral realiza un dobre envío e o elector pode votar por correo ao Consulado ou depositar persoalmente o voto nunha urna habilitada na oficina consular ou noutros centros autorizados.

No voto por correo existen mecanismos de identificación. O voto debe ir acompañado da documentación censal correspondente e da identificación prevista legalmente. No escrutinio, a Xunta Electoral comproba a inscrición no CERA e os requisitos documentais antes de introducir o sobre de votación na urna.

Tamén existe un mecanismo para detectar o dobre voto. Se aparece máis dun voto correspondente ao mesmo elector, a normativa establece cal debe ser incorporado ao escrutinio, sen prexuízo das responsabilidades que puidesen derivarse.

E hai outra diferenza fundamental: a Lei Orgánica 12/2022 ordenou realizar un procedemento extraordinario de verificación do CERA para comprobar a fe de vida dos inscritos e a corrección dos seus datos, con revisiones periódicas.

Aquel problema que durante anos se simbolizou coa imaxe das papeletas chegando ás casas de persoas falecidas pasou así a ser obxecto dunha medida legal específica de depuración.

A trazabilidade aumentou, pero o segredo do voto permanece

O sistema actual busca separar dúas cousas: saber que unha persoa votou e saber a quen votou.

A primeira información ten que poder comprobarse administrativamente. A segunda debe permanecer secreta. Por iso a documentación que identifica ao elector acompaña o procedemento censal, mentres o sobre de votación permanece separado.

No escrutinio, a Xunta Electoral comproba a condición de elector e os requisitos formais e introduce na urna o sobre de votación sen que o sistema teña como finalidade reconstruír a correspondencia entre unha persoa concreta e a papeleta que escolleu. É precisamente ese equilibrio entre identificación, trazabilidade e segredo do voto o que faltaba en boa medida no antigo sistema.

O debate que continúa en 2026

A historia, con todo, non terminou. A expansión do CERA asociada ás novas nacionalizacións volveu abrir o debate sobre como determinar a circunscrición electoral das persoas que nunca viviron en España.

En setembro de 2026 a Xunta Electoral Central aprobou novos criterios para determinar o municipio de inscrición de persoas que nunca residiron en España. Para estes casos pode utilizarse o municipio con maior vinculación ou arraigo propio ou dos ascendentes, debidamente acreditado.

Ao mesmo tempo, o Tribunal Supremo adoptou en setembro de 2026 unha medida cautelar que afecta á inscrición electoral dalgúns cidadáns nacionalizados ao abeiro da Lei de Memoria Democrática, cuestión que está sendo obxecto de recurso e revisión. A medida non anula as nacionalizacións, pero introduce unha situación excepcional no exercicio do dereito de voto dos afectados.

É, por tanto, un debate distinto do que existía en 2001. Daquela a pregunta principal era: ¿Como evitar que unha persoa que figura no censo pero xa morreu poida ser substituída por outra?

Hoxe a pregunta é máis complexa: ¿Como garantir que un electorado exterior cada vez máis grande, formado tamén por cidadáns nacidos e criados fóra de España, estea correctamente identificado, adscrito á circunscrición que lle corresponde e poida exercer o voto con garantías?

De “votos do máis alá” a unha nova diáspora

A historia do voto exterior galego non é, polo tanto, a historia dunha fraude permanente. É a historia dun sistema electoral que durante anos tivo debilidades reais e documentadas, especialmente na actualización do censo e na identificación do elector, e que foi modificándose como consecuencia desas experiencias.

Primeiro chegaron as depuracións do CERA. Despois, a identificación obrigatoria introducida para o voto exterior en 2009. En 2011 chegou o voto rogado. En 2022 desapareceu o voto rogado e reforzáronse novamente os mecanismos de identificación, custodia e control. E, ao mesmo tempo, a propia definición social do elector exterior cambiou.

Xa non estamos falando exclusivamente do emigrante que marchou de Vigo, Ourense, Lugo ou A Coruña nos anos cincuenta. Falamos tamén dos seus fillos, dos seus netos e, en determinados supostos legais, das seguintes xeracións familiares que adquiriron a nacionalidade española.

Persoas que poden ter unha vida enteira construída en Buenos Aires, Caracas, Montevideo, México, Xenebra ou Miami e, con todo, formar parte do corpo electoral español. Ese é o paradoxo da emigración galega no século XXI: a distancia física coa terra de orixe pode ser enorme, mentres o vínculo xurídico coa cidadanía española permanece intacto.

E por iso o verdadeiro reto xa non é simplemente facer chegar unha papeleta ao outro lado do Atlántico. É garantir que, detrás de cada voto, haxa un elector real, correctamente identificado, con dereito a votar, e que ninguén poida saber, salvo o propio elector, que papeleta decidiu introducir no sobre.

Ese é o salto entre o vello voto emigrante e o actual voto exterior.

ÚLTIMAS

“Ecomapa 2026” destapa máis de 800 “puntos negros” no arboredo urbano de Vigo e Baiona

Un total de 873 alcorques con deficiencias foron localizados en Vigo e Baiona durante...

A Nao Santa María chegará por primeira vez a Vigo e poderá visitarse durante dez días

A Nao Santa María visitará por primeira vez na súa historia o porto de...

PP ve o adianto electoral a “mellor para España” e BNG cre que é unha “oportunidade” de “apoio masivo”

O PP de Vigo cre que o adianto electoral anunciado por Pedro Sánchez este...

Eleccións.- Caballero afirma que o PSOE “sae a gañar” e acusa a Feijóo de non resolver o problema da vivenda

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, vaticinou que a oposición terá "castigo" por ser...