O BNG de Vigo esixiulle á Xunta que “rectifique” o plan de transporte para a comarca, ao considerar que insiste nun “modelo fracasado” que “non vai resolver os problemas do servizo actual”. Os nacionalistas presentaron alegacións ao proxecto para reclamar a elaboración dun novo plan que, segundo defenden, permita corrixir a falta de frecuencias, prazas e conexións entre Vigo e os concellos do Val Miñor e Mos.
O responsable comarcal do BNG, Manuel Caride, advertiu de que o Goberno galego mantén, ao seu xuízo, as mesmas carencias que provocaron a rescisión do contrato actual. Caride referiuse concretamente á “masificación dos autobuses, con persoas obrigadas a ir de pé ou que quedan tiradas nas paradas”. “O PP non aprendeu do fracaso anterior e reincide nun modelo sen futuro, en vez de elaborar un novo proxecto que atenda as demandas veciñais”, sinalou.
UN 25 % MÁIS DE FRECUENCIAS
Fronte á proposta da Xunta, o BNG reclama incrementar polo menos nun 25 % o número de frecuencias e introducir mecanismos de reforzo para atender os picos puntuais de demanda e aquelas liñas cunha maior intensidade de uso. Os nacionalistas tamén piden realizar un estudo de variantes dos principais percorridos en función da demanda existente, de maneira que as liñas dean servizo ás parroquias afastadas das vías principais. Así mesmo, reclaman garantir conexións directas entre concellos e desde estes cara a Vigo co obxectivo de reducir os tempos das viaxes.
MELLORES CONEXIÓNS COA UNIVERSIDADE, O HOSPITAL E PEINADOR
Entre as alegacións presentadas figura tamén a mellora das conexións coa Universidade de Vigo e cos centros educativos do Meixoeiro, adaptando os horarios ás horas de entrada e saída das clases. O BNG reclama igualmente reforzar as conexións co Hospital Álvaro Cunqueiro, así como coa estación intermodal de Vigo, o aeroporto de Peinador e a estación marítima.
UN ENTE PÚBLICO PARA COORDINAR A MOBILIDADE
Os nacionalistas lamentan ademais que o autobús urbano de Vigo non estea integrado no transporte metropolitano, unha situación que atribúen ás disputas políticas entre PP e PSOE. Segundo o BNG, o actual modelo de transporte metropolitano é “falso”, polo que reclama a creación dun ente xestor público que planifique e coordine a mobilidade no conxunto da comarca. O Bloque pide tamén revisar o sistema de tarifas para ampliar as bonificacións e facilitar o acceso ao transporte ás persoas vulnerables e con rendas baixas. Entre as súas reivindicacións inclúe, finalmente, a necesidade de garantir as condicións laborais do persoal que presta o servizo.
