InicioSociedadeCentos de persoas saen á rúa en Vigo contra a crise da...

Centos de persoas saen á rúa en Vigo contra a crise da vivenda: “Nin unha Maricarmen máis”

A Alianza pola Vivenda reclama conxelar os alugueiros, frear os desafiuzamentos sen alternativa e declarar Vigo zona tensionada.

PUBLICADO O

- Advertisement -

Centos de persoas concentráronse este luns na Porta do Sol de Vigo, convocadas pola Alianza pola Vivenda da cidade, para esixir medidas “valentes” que poñan fin á crise habitacional e advertiron: “Nin unha Maricarmen máis!”. Así, os participantes na protesta corearon consignas como “non hai dereito a vivir sen teito”, “fóra fondos voitre dos nosos barrios” ou “Xunta culpable, Concello responsable”, lucindo pancartas ou camisetas reivindicativas e axitando as súas chaves ao berro de “Todos somos Maricarmen!”.

Na súa declaración con motivo desta concentración, a Alianza pola Vivenda lembrou que a situación vivida por esta veciña madrileña, así como a de todas aquelas persoas en proceso de desafiuzamento ou baixo ameaza de expulsión das súas vivendas, “son resultado dun sistema que antepón os intereses especulativos ao dereito das persoas a unha vivenda digna, estable e asumible”. Ao respecto, lembraron que este martes se somete a votación un novo Real Decreto de vivenda, e que se abren dúas posibilidades: que “responda á necesidade e emerxencia” das persoas ou que sexa “unha farsa”.

Coa concentración deste luns quixeron mostrar a súa “indignación” e esixir unha solución para Maricarmen, ademais de “medidas valentes e contundentes para avanzar na resolución da crise habitacional”. Así, os colectivos que conforman a Alianza reclamaron a “conxelación inmediata” dos alugueiros mentres os salarios non suban “ao mesmo ritmo”; a renovación automática dos contratos de alugueiro; a suspensión dos desafiuzamentos sen alternativa habitacional; a reforma da Lei de Arrendamentos Urbanos “para acabar co fraude dos alugueiros de tempada e por habitacións”; a “expropiación aos grandes tenedores” para crear un parque de vivenda público e “acabar coa especulación”.

“Mentres a vivenda siga sendo un negocio, seguirá habendo quen quede sen teito”, advertiron, e pediron tamén medidas a nivel local, como a declaración de zona tensionada, a creación de vivenda pública, o fin das vivendas turísticas e a atención ás persoas sen fogar. A Alianza pola Vivenda de Vigo está integrada por Sindicato de Inquilinas Vigo, Amnistía Internacional, Árbore, Asociación Veciñal de Teis, Confederación Intersindical Galega (CIG), Ecoloxistas Galiza Atlántica e Verde, Ecoloxistas en Acción, EMAÚS, Espazo Aberto Antimilitar, Foro Socioeducativo As Ninguéns, Movemento Galego pola Defensa das Pensións e os Servizos Públicos (MODEPEN), Oficina de Valores Non Inventariables, Plataforma Galega Vivenda Xa!, Sindicato Estudantil Fervenza e Verdegaia.

ÚLTIMAS

Vigo suspende por sorpresa a licitación do bus urbano, o maior contrato da súa historia

O Concello de Vigo publicou este luns na Plataforma de Contratación do Estado o...

A Xunta acorda a expropiación de case 15 hectáreas de monte comunal en Mos para a cidade deportiva do Celta

O Diario Oficial de Galicia (DOG) recolle este luns a resolución da Consellería de...

A UVigo supera o 100 % de ocupación nos graos e suma 3.883 novas matrículas

A Universidade de Vigo (UVigo) alcanzou unha taxa de ocupación do 103 % na...

Vigo reclama unha AP-9 pública, galega e sen peaxes e pide anular a última prórroga da concesión

O Pleno do Concello de Vigo aprobou este luns unha moción do BNG na...