O Pleno do Concello de Vigo aprobou este luns unha moción do BNG na que se declara o “compromiso firme” cunha AP-9 pública, galega e libre de peaxes, na que se pide ao Goberno que tramite de oficio a anulación da última prórroga da concesión e na que se esixe á Xunta que “cese o boicot” sobre a transferencia da autoestrada. A moción foi defendida polo portavoz do grupo nacionalista, Xabier Pérez Igrexas, que incidiu en que a autoestrada “ten que ser pública, galega e gratuíta” fronte ao que cualificou como “espolio” da concesión prorrogada polo Goberno de Aznar e unha “estafa xa declarada ilegal pola UE”.
Así mesmo, acusou o PP e a Xunta de “inventar escusas e esparexer mentiras” para xustificar a súa posición contraria á proposta de transferencia pactada pola esquerda e aprobada no Congreso. Tamén se referiu ao “espectáculo bochornoso” do presidente galego, Alfonso Rueda, e lembrou que o texto aprobado contén, segundo defendeu, garantías suficientes para que Galicia non sexa penalizada economicamente como consecuencia de decisións adoptadas pola Administración central.
Pola súa banda, o portavoz do grupo socialista, Carlos López Font, reivindicou que foi un Goberno do PSOE o que logrou este acordo para a transferencia, unha demanda que cualificou como “da sociedade”. Igualmente, o concelleiro do Goberno vigués lembrou que hai anos que o alcalde, Abel Caballero, reclama a gratuidade da autoestrada “desde Ferrol ata Tui”, e insistiu en que “o PP é responsable” da actual situación da autoestrada, cunha concesión prorrogada ata 2048 e a posterior “privatización”.
Con todo, o grupo municipal socialista presentou unha emenda para matizar a petición ao Goberno central de anular a concesión, de maneira que a revisión da concesión se faga cando se declare “nulo de pleno dereito” o acordo do Consello de Ministros que permitiu a prórroga. A emenda foi rexeitada polo BNG, que advertiu de que ese matiz só serviría para atrasar a transferencia. Con todo, tanto nacionalistas como socialistas votaron a favor da moción, mentres que o PP votou en contra.
“A FAVOR, PERO NON A CALQUERA PREZO”
O concelleiro do PP, Miguel Martín, xustificou o voto contrario do seu grupo porque, aínda que os populares están “inequivocamente a favor” das transferencias, non a queren “a calquera prezo”, senón “sen trampas nin ambigüidade”. Así, Martín acusou socialistas e nacionalistas de “romper a unanimidade” desvirtuando o acordo alcanzado no Parlamento galego.
O PP tamén presentou unha emenda á moción na que pedía recuperar a “literalidade” do acordo apoiado por todos os grupos na Cámara galega e que o Goberno facilitase o dossier remitido á UE como resposta no marco do expediente aberto en relación coa legalidade das prórrogas. A emenda tampouco foi aceptada e, finalmente, a moción do BNG foi aprobada tal e como fora rexistrada, cos votos favorables do grupo nacionalista e do socialista e o voto en contra do PP.
