A Garda Civil interceptou nunha praia de Moaña (Pontevedra) un home de 32 anos, veciño de Cangas, despois de extraer ilegalmente máis de 25 quilos de centola e nécora. Segundo informaron fontes da Comandancia de Pontevedra, os feitos ocorreron na noite do pasado mércores, cando o Posto da Garda Civil de Moaña recibiu un aviso da Central Operativa que alertaba da presenza dunha persoa que saía da auga nunha praia moañesa, vestida cun traxe de neopreno e portando dous sacos de rede.
Os axentes desprazáronse ata o lugar e estableceron un dispositivo de vixilancia, localizando despois o sospeitoso, un veciño de Cangas de 32 anos, cando se dispoñía a abandonar a zona nun vehículo. Tras interceptalo e inspeccionar o maleteiro, os axentes atoparon dous capachos que contiñan centola e nécora, ademais dun traxe de neopreno, unhas gafas e unha lanterna.
O home recoñeceu que non ten autorización para esa actividade extractiva, polo que os axentes aprehenderon o marisco, 21,1 quilos de centola e 4,1 quilos de nécora. Entre os exemplares intervidos localizáronse, ademais, nove centolas ovadas, atopándose esta especie en período de veda. O marisco foi trasladado á lonxa de Marín, onde se pesou. Ao estaren os exemplares vivos, foron devoltos posteriormente ao mar. Por estes feitos formulouse a correspondente denuncia por infracción da Lei de Pesca de Galicia, remitíndose as actuacións á Consellería do Mar.
Compartir:
- Compartir en Facebook (Se abre en una ventana nueva) Facebook
- Share on X (Se abre en una ventana nueva) X
- Share on LinkedIn (Se abre en una ventana nueva) LinkedIn
- Share on Telegram (Se abre en una ventana nueva) Telegram
- Share on WhatsApp (Se abre en una ventana nueva) WhatsApp
- Share on Mastodon (Se abre en una ventana nueva) Mastodon
- Share on Bluesky (Se abre en una ventana nueva) Bluesky
