InicioSociedadeAcelerou o golpe de Estado a destitución de Alcalá Zamora como presidente...

Acelerou o golpe de Estado a destitución de Alcalá Zamora como presidente da República?

A súa destitución, segundo Carlos Lozano, autor de "Crónica de una caída: la destitución de Alcalá Zamora. El principio del fin ", foi considerada como "un ataque aos valores democráticos".

PUBLICADO O

- Advertisement -

“Crónica de una caída: la destitución de Alcalá Zamora. El principio del fin”. Con este título preséntase o primeiro libro do xa historiador Carlos Lozano, alumno de mestrado da Universidade de Vigo.

Froito do seu traballo fin de grao, nesta publicación o autor afonda na figura do presidente da Segunda República Española e do momento clave para o devir da historia de España como foi a súa destitución como presidente uns meses antes do inicio da Guerra Civil.

Publicado por Editorial Académica Española, o autor explica como o traballo de investigación que recolle o libro, titorizado polo profesor Jesús de Juana, “céntrase na destitución presidencial de Niceto Alcalá Zamora en abril de 1936, que supuxo un cambio na situación política”.

Así, detalla Carlos Lozano, “a través das formas e dos intereses políticos que levaron á súa caída, pretendemos obter con este traballo unha visión máis completa das razóns e dos motivos que remataron con Alcalá Zamora fóra da xefatura estatal e coñecer a influencia desta destitución no golpe militar de xullo de 1936 e na posterior Guerra Civil”.

Acorde con este obxectivo, o estudo emprega, segundo apunta o seu responsable, “unha metodoloxía baseada nas memorias de diversas personaxes políticas implicadas no suceso e nos estudos dun amplo número de investigadores”.

Completa o traballo “a análise dunha serie de xornais estatais e galegos (ABC, Ahora, El Pueblo Gallego, El Sol e La Voz de Galicia), de diversa índole política e dos que realicei unha serie de fichas hemerográficas incluídas na publicación”, tal e como explica o investigador.

Carlos Lozano co seu primeiro libro/ Duvi

O 7 de abril de 1936 Niceto Alcalá Zamora, explica Carlos Lozano no seu libro, foi destituído da presidencia da república polo parlamento, tras aprobarse a súa destitución con 238 votos a favor e 5 en contra.

“Era a crónica dunha morte anunciada: todo o espectro político buscaba, desde a campaña electoral de comezos de ano, a destitución do xefe de estado. O descalabro do seu proxecto electoral foi entendido como unha derrota persoal polos partidos maioritarios mais Alcalá desistiu de dimitir e aferreouse á súa perrogativa presidencial, alegando que aínda posuía a potestade de disolver as cortes unha vez máis”, subliña.

Esta destitución, indica o historiador na publicación, “supuxo o inicio dunha nova etapa no panorama político español do momento”. A súa marcha, comenta Carlos Lozano, “foi, seguramente, un suceso máis que fixo adiantar o planeado golpe de estado contra o réxime, ademais de engadir adeptos á súa causa. A súa caída minguou un aínda novo sistema democrático”.

Situados nun clima de tensión sociopolítica e co temor a un golpe militar, a caída do político cordobés da xefatura do estado, detalla o autor, “puido supor unha certa desacreditación do goberno do Frente Popular e proporcionar máis inestabilidade á nova república, xa que este feito impulsou aínda máis a deserción, non só das dereitas senón dunha parte importante da burguesía republicana”.

El Escorial e El Valle de los Caídos: a Guera Civil culminou nunha ditadura de catro décadas/ Jesús Pérez Pacheco

“Como observamos na maioría das memorias das personaxes claves do momento, ademais de nos diarios, a destitución foi considerada como un ataque aos valores democráticos”, comenta o autor no seu libro.

O proceso de destitución a través do artigo 81, engade Lozano, foi tomado como un procedemento ilegal que atentou contra a propia Constitución e a marcha de Alcalá Zamora, tres meses antes do golpe militar do 17 e 18 de xullo, “puido ser a gota que colmou o vaso para o sector contrario á república”.

A análise das formas da súa caída e das razóns da mesma, analizadas neste traballo, detalla Carlos Lozano, permiten “obter unha nova e máis completa visión das circunstancias, presións e protagonismo que tiveron neste acontecemento as forzas políticas e o posible papel que xogou a caída desta personaxe no golpe de estado militar de xullo de 1936 e na Guerra Civil que veu como consecuencia”.

Así, sobre os resultados da súa investigación, Carlos Lozano salienta como “amosaron unha complexa rede de circunstancias políticas e de conflitos persoais que conlevaron á destitución presidencial, ben definidas nas bibliografías das personaxes analizadas e nas páxinas dos xornais estudados, e que afectaron á situación sociopolítica do momento”.

Con este libro, o autor, especialmente interesado no período da Guerra Civil e a Segunda República, agarda contribuír ao coñecemento de Alcalá Zamora, que “me parece unha personaxe bastante esquecida e maltratada pola historiografía tradicional a pesar de que a súa destitución é un aspecto clave para entender o golpe de estado que levou logo á Guerra Civil española”.

ÚLTIMAS

O primeiro premio da Lotaría Nacional, dotado con 600.000 euros, cae no Porriño

O primeiro premio do sorteo da Lotaría Nacional celebrado este sábado, 19 de abril,...

Piden sete anos de cárcere para un home acusado de vender droga no bar que rexentaba en Vigo

Piden sete anos de cárcere para un home acusado de vender droga no bar...

Desmantelan en Mos unha festa rave

A Garda Civil de Pontevedra, a través do Grupo de Información da súa comandancia, informou sobre...

Rescatan a varios veciños dun edificio en chamas en Vigo

Os Bombeiros de Vigo rescataron a varios veciños dun edificio en Vigo no que...