O Concello de Vigo mantén a prohibición de bañarse na praia da Punta, situada no barrio de Teis, debido a que unha nova analítica volve detectar bacterias fecais na auga. Despois de que o pasado mércores o goberno local desaconsellase meterse na auga da Punta ao rexistrar niveis superiores aos recomendables de Escherichia coli, este venres indicou que unha nova análise mantén estes altos rexistros.
“Os servizos municipais volveron revisar tanto o funcionamento da depuradora como as redes de saneamento da cidade e, do mesmo xeito que nas comprobacións anteriores, non se detectou ningunha fuga nin incidencia no sistema de saneamento”, insistiu o Concello, que investiga as posibles causas. Por iso, volveranse a tomar mostras o vindeiro domingo, cuxos resultados se coñecerán o martes.
