Ao Concello de Vigo proxecta un novo multiusos con capacidade para ata 16.000 persoas na zona de Guixar da cidade, coa intención de que estea semienterrado e conte cunha cuberta transitable con zonas verdes. Así o anunciou o alcalde, Abel Caballero, nun audio enviado aos medios de comunicación, asegurando que o novo Vigo Area “será o maior recinto multiusos do noroeste peninsular”, co obxectivo de converterse “no principal destino de grandes concertos e eventos”, dando servizo a Galicia, ao norte de Portugal, Asturias, León e Zamora.
Esta infraestrutura situarase, segundo dixo o rexedor, na parcela de 10.000 metros cadrados que o Consorcio da Zona Franca cederá ao Concello dentro do desenvolvemento urbanístico previsto no ámbito de Guixar-Santa Tegra, entre o colexio Santiago Apóstolo, a rúa Foxos e Santa Tegra. Terá capacidade para entre 15.000 e 16.000 espectadores e estará deseñado como un edificio “totalmente integrado na topografía do terreo”, cunha cuberta que se converterá nunha praza pública destinada a zonas verdes e espazos de paseo, similar a Vialia, segundo engadiu Caballero, que prevé que as obras comecen antes de dous anos.
