InicioMovementos SociaisPrisión e multa por agredir e humillar a unha persoa sen fogar:...

Prisión e multa por agredir e humillar a unha persoa sen fogar: a primeira sentencia por aporofobia de Vigo

PUBLICADO O

- Advertisement -

Dous mozos de 20 e 21 anos foron condenados este xoves pola Audiencia Provincial de Pontevedra a 6 meses de prisión e a unha multa de 540 euros como autores dun delito de lesión da dignidade por motivos discriminatorios, en concurso cun delito contra a integridade moral, por agredir, insultar e humillar un home sen fogar que pasaba a noite na vía pública en Vigo, todo iso coa agravante de aporofobia.

Así se acordou nunha vista de conformidade celebrada na sección quinta da Audiencia de Pontevedra, con sede na cidade olívica, na que os dous acusados recoñeceron os feitos e confesáronse autores deles. A agresión ocorreu na noite do 2 de marzo de 2025, nunhas galerías do barrio do Calvario. Os dous acusados, xunto con outros amigos menores de idade, decatáronse da presenza da vítima, que estaba a pasar a noite ao abeiro duns chanzos.

“Guiados pola intención de humillalo e denigralo pola súa condición de persoa sen recursos, mofáronse del, cuspíronlle e lanzáronlle moedas con forza”, segundo recolle o escrito de acusación da Fiscalía, que sinala que un dos acusados gravou esa humillación co seu teléfono móbil, mentres os atacantes dicían “aquí só hai yonkis”.

A vítima espertou e tentou facerlles fronte, momento en que o grupo botou a correr. Con todo, un dos acusados, o que gravara co seu teléfono, antes de fuxir do lugar achegouse ao home sen fogar e deulle dúas puñadas na cabeza. “Estes actos supuxeron unha grave humillación da vítima, en menoscabo da súa autoestima”, sinala a Fiscalía.

Por iso, considéraos autores dun delito “cometido con ocasión do exercicio dos dereitos fundamentais e liberdades públicas recoñecidos na Constitución Española, na súa modalidade de lesión da dignidade por motivos discriminatorios“, e en concurso cun delito contra a integridade moral. Ademais, ao mozo que agrediu a vítima atribúelle tamén un delito leve de lesións.

CONDENA

Tras o acordo de conformidade, os dous mozos foron condenados a 6 meses de prisión e ao pagamento dunha multa de 540 euros; a isto súmase outra multa de 90 euros para o procesado polas lesións. Ambos deberán indemnizar conxuntamente a vítima con 1.000 euros, e o que a golpeou terá que pagarlle outros 300 euros máis. A condena inclúe tamén a inhabilitación para o exercicio de calquera profesión no ámbito educativo, docente, deportivo e de lecer durante 3 anos e medio.

A pena privativa de liberdade quedou suspendida por un prazo de dous anos, a cambio de que os acusados non delincan nese tempo, paguen a responsabilidade civil e se sometan a un curso reeducativo e de formación no ámbito da igualdade de trato.

CONCENTRACIÓN

Con motivo da celebración desta vista, o foro socioeducativo As Ninguéns concentrouse ás portas da Cidade da Xustiza de Vigo para denunciar as agresións sufridas polas persoas en situación de rúa. Na concentración participou a deputada do BNG, Alexandra Fernández. O denunciante deste caso, Carlos Antonio, lamentou que os insultos e as agresións ás persoas sen fogar son habituais, e que incluso hai situacións de violencia e roubos no albergue municipal.

A vítima, que nun primeiro momento se mostrou reticente a chegar a un acordo de conformidade e pediu que os acusados fosen á cadea, explicou que a noite dos feitos estaba durmindo na rúa porque non había praza no albergue. “Sentín que me golpeaba algo e espertei, e tiña toda a cara cuspida“, rememorou, e lamentou que “ás veces semella máis doado tomarse a xustiza pola man”.

ÚLTIMAS

Estoupa un artefacto explosivo na sede de UGT en Vigo

UGT-Galicia denunciou un ataque con un artefacto explosivo na sede que o sindicato ten...

Miles de persoas protestan en Vigo para defender a “democracia, a vivenda e a sanidade”

Miles de persoas manifestáronse este mércores polas rúas de Vigo, convocadas por UGT e...

A folga pecha o comercio en Vigo con piquetes activos en centros como o de Vialia

A folga xeral mantén pechada boa parte do comercio galego, que afronta esta xornada...

Amplo seguemento da folga na área de Vigo, segundo os sindicatos

Por zonas, a central nacionalista informa de que, en Vigo, na farmacéutica Cofano xa...