A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, acollerá este martes un xuízo contra unha muller acusada de estafar case 6.800 euros a un veciño da cidade olívica facéndose pasar polo seu fillo. Segundo recolle o escrito de acusación da Fiscalía, a procesada púxose en contacto coa vítima por WhatsApp e díxolle que era o seu fillo, que tiña un novo número de teléfono e que precisaba con urxencia que lle fixese unha transferencia inmediata de 6.797 euros a unha conta bancaria da que era titular a acusada.
O prexudicado, crendo que realmente estaba a falar co seu fillo, realizou a transferencia e informou diso ao seu suposto familiar. Porén, cando a acusada trataba de conseguir unha segunda transferencia, chegou ao domicilio da vítima o seu verdadeiro fillo, que lle confirmou que non lle pedira ningún diñeiro. A acusada retirou da conta case 3.000 euros, mentres que o resto quedou bloqueado en concepto de depósito xudicial por requirimento do xulgado de instrución.
O prexudicado non recuperou polo momento ningunha cantidade do diñeiro transferido. Por estes feitos, a Fiscalía atribúelle á muller un delito de estafa e solicita que sexa condenada a 21 meses de prisión. Tamén reclama que devolva os case 3.000 euros retirados da súa conta, máis os xuros, e que se desbloquee o resto do diñeiro para que poida recuperalo o denunciante.
