A comisión de festas de Matamá está a liderar a creación dunha federación autonómica que aglutine e dea apoio xurídico a todas os colectivos festivos de face a, principalmente, aclarar a normativa que as regula e facilitar a xestión dos permisos. Este é un paso que deron avalados pola experiencia adquirida nos dous anos que pasaron desde que o accidente mortal no Saltamontes deste barrio de Vigo.
Con este propósito, o presidente da comisión de Matamá, Cristian González, e o seu representante xurídico, Xabier Alonso, reuniron esta tarde a unha decena de representantes de toda a comunidade, que mostraron a súa intención de formar parte dela. Entre os asistentes estaban representantes de Guillarei, Panxón ou Praia América, por exemplo. Outros manifestaron a súa intención de formar parte, aínda que non puideron desprazarse este sábado ata a Nave de Vidán, en Santiago de Compostela. Por iso, González e Alonso terán reunións nas próximas semanas coas comisións de lugares como Cangas ou Muros.
O principal problema que detectaron ambos neste tempo é que a tramitación dos permisos é diferente en cada concello, algo do que deron constancia os asistentes ao encontro. Alonso constatou que a comisión de Matamá terminou implicada no proceso xudicial, do que González foi desimputado, pola forma de proceder do Concello. Neste sentido, a intención é buscar que se clarifiquen as normas, xa sexa a través dunha reformulación das mesmas ou de que a Xunta dea unha instrución sobre a súa interpretación. Pretenden que a federación poida dar apoio xurídico e mesmo dar asesoramento ou contar cunha ferramenta dixital.
Alonso mesmo expuxo a posibilidade de crear unha plataforma na que se poida rexistrar toda a documentación que manexan estas comisións para aliviar a súa carga administrativa. Outro dos asuntos que puxeron sobre a mesa é o relativo aos seguros, nos que non descartan tentar negociar un contrato ao que se poidan acoller as entidades socias se o desexan.
CADA VEZ MÁIS PRETO DA SÚA CONSTITUCIÓN
Desta forma, déronlles a oportunidade aos asistentes de formar parte desta futura federación desde a súa creación. Para iso, Alonso trouxo ata o establecemento compostelán un documento a asinar no caso de que queiran formar parte da futura organización, algo no que se interesaron todos os asistentes. Unha vez reúnan a persoas suficientes, o seguinte paso será constituírse formalmente, para o que Alonso se ofreceu a preparar toda a documentación. De feito, xa redactaron uns estatutos, que despois tería que aprobar a federación.
O avogado marcou como a prioridade, unha vez estea constituída, buscar a colaboración das administracións e reunirse tanto co Goberno galego como co presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alberto Varela.
