Unha muller foi evacuada ao hospital en estado crítico tras rexistrarse un incendio no piso no que residía na rúa Venezuela de Vigo. Segundo informou o CIAE 112, varios particulares informaron minutos antes das 15:00 horas de que ardía un inmoble nesta rúa.
Ademais, sinalaron que observaban chamas, que os corredores do edificio estaban cheos de fume e que crían que no interior do piso había unha persoa que non podía saír. De inmediato, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias pediuse a intervención de Urxencias Sanitarias de Galicia 061, dos Bombeiros e da Policía Nacional e Local de Vigo.
Os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia evacuaron a muller en estado crítico ao Hospital Álvaro Cunqueiro. O lume xa foi apagado.
