A Asociación Profesional de Suboficiais das Forzas Armadas (Asfaspro) denunciaron en Vigo a “triste realidade” que viven os militares na actualidade, solicitando melloras salariais e recoñecemento académico de toda a formación recibida.
En rolda de prensa, Asfaspro puxo en valor o traballo realizado polas Forzas Armadas nas distintas crises que sufriu o país nos últimos anos, apuntando aos peores meses da pandemia do Covid-19, pasando pola DANA, o volcán da Palma ou, agora, co hantavirus. “Os militares tivemos prohibido ou limitado durante moito tempo o dereito á liberdade de expresión e isto levou, por abuso da nosa disciplina, á triste situación que o persoal militar e as nosas familias estamos a sufrir”, lamentaron.
En concreto, desde a asociación critican a “discriminación salarial” que sofren respecto dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado, indicando que unha brigada das Forzas Armadas, con 3 anos de academia de educación superior e máis de 15 anos de experiencia como suboficial, ten unha nómina inferior á dun policía nacional en prácticas. “Un tenente piloto dun avión de combate, con 5 anos de academia, grao universitario e curso de piloto de caza, cobra menos que o condutor dun coche patrulla policial”, dixo, engadindo que un soldado ao que poden enviar “dun día para outro” a calquera conflito no mundo cobra case o soldo mínimo interprofesional.
Por outra banda, tamén esixiron un recoñecemento da formación recibida. “Un subinspector do Corpo Nacional de Policía ten recoñecido o grao universitario. A un sarxento da Garda Civil váiselle a recoñecer en breve. A un sarxento das Forzas Armadas, non”, apuntaron desde Asfaspro.
RECOÑECEMENTO SOCIAL
Preguntado sobre a manifestación convocada para este sábado en Vigo, en contra do desfile militar organizado ese mesmo día na cidade, dixo que en España existe a liberdade de expresión e recoñeceu que as Forzas Armadas arrastran un “San Benito” que as vincula ao réxime Franquista. “Os militares somos os grandes descoñecidos da sociedade española. Non interesou. O resto de profesións foron avanzando, por que nós non? Porque non houbo interese”, explicaron.
