InicioPolíticaAbel Caballero pide a Rueda que “pida desculpas” por ignorar o “fenómeno...

Abel Caballero pide a Rueda que “pida desculpas” por ignorar o “fenómeno turístico” da cidade na súa visita a China

A moción socialista saíu adiante só cos votos do grupo de goberno, mentres PP e BNG criticaron con retranca unha iniciativa que consideran afastada dos problemas reais de Vigo.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O Pleno do Concello de Vigo aprobou este luns unha moción do grupo de goberno, do PSOE, na que se insta ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a “pedir desculpas” por “ignorar o fenómeno turístico” no que, segundo os socialistas, se converteu a cidade, “o máis importante de España”. A moción, que só contou co voto a favor dos socialistas, foi defendida polo voceiro do goberno municipal, Carlos López Font, que subliñou que “Rueda non falou de Vigo na súa viaxe a China” e que ignora a “dimensión salientable” de eventos como o Nadal, O Marisquiño ou o destino das Cíes.

“Todo iso debía ser un patrimonio a defender pola Xunta, pero a súa resposta é o negacionismo”, proclamou. O edil socialista recriminou que nin Rueda nin antes Feijóo tivesen “nunca” unha “palabra de recoñecemento” cara ao Nadal ou cara a Vigo como “o maior atractivo turístico” de Galicia, e que, en vez diso, se dedicasen a “boicotear” o destino Vigo. Carlos López Font reiterou que a cidade é “un fenómeno turístico” e que Rueda “sempre se esquece”, a pesar de que, segundo afirmou, “nunca Vigo foi tan admirada e recoñecida como agora”.

“DRAMA SENTIMENTAL”

A concelleira do PP, Patricia García, ironizou co “drama sentimental” que supuxo para o goberno vigués que Rueda non pronunciase “suficientemente a palabra Vigo” na súa viaxe a China, e convidou o equipo de Abel Caballero a instalar no Concello un contador que marque os “días de sentirse ofendido”. García defendeu a política turística da Xunta e a acción de Rueda, que en China deu a coñecer os principais atractivos de Galicia, entre eles o seu patrimonio cultural e paisaxístico, a gastronomía e espazos recoñecidos pola UNESCO. O problema, engadiu, é que o goberno vigués non busca cooperación para promocionar a cidade, senón “subordinación” aos ditados do alcalde. Ademais, lamentou esa “visión localista”.

“O REALMENTE IMPORTANTE”

Pola súa banda, a voceira do BNG, Ana Martínez Piñeiro, tamén empregou a retranca para referirse á moción socialista. Así, a concelleira nacionalista lembrou todas as “débedas” que, ao seu xuízo, a Xunta mantén coa cidade olívica: coa sanidade pública, coa educación pública, coa política industrial, cos demandantes de vivenda, coas infraestruturas ou coa rexeneración ambiental, entre outros ámbitos. “Que máis dá que pechen empresas, que o naval poida perder carga de traballo, que haxa máis pisos turísticos que vivendas para alugar… o realmente importante para Vigo é que nos sigan visitando miles de turistas, que a cidade se converta nun parque temático”, ironizou.

Segundo subliñou, fronte ás débedas que a Xunta ten con Vigo, para o goberno local “o máis importante” é se o ascensor HALO saíu nunha imaxe promocional da Xunta polo Día das Letras Galegas ou “que en China non se fale das luces de Nadal de Vigo”. “E a solución infalible é que Rueda pida desculpas”, afirmou, antes de lamentar a “falta de seriedade” da moción.

ÚLTIMAS

O goberno de Vigo pedirá en pleno que a Xunta garanta o abastecemento de auga de Vigo

O goberno de Vigo, liderado por Abel Caballero (PSOE), levará ao pleno do próximo...

Trasladadas dúas persoas que resultaron afectadas nun incendio dun piso en Vigo

Dúas persoas tiveron que ser trasladadas ao hospital tras verse afectadas por inhalación de...

Un profesor da Universidade de Vigo reúne 180.000 nomes de invertebrados nunha obra única no mundo

A Universidade de Vigo presentou este venres o último libro do profesor da Facultade...

Dous detidos e un investigado pola malleira a un home nun parking do Porriño

A Garda Civil de Pontevedra detivo a dous homes e investiga a un terceiro...