O conflito laboral polo servizo de limpeza viaria e recollida de lixo en Vigo trasládase con forza ás portas do consistorio. Centos de traballadores da empresa FCC, a firma concesionaria deste servizo municipal, concentráronse este luns na Praza do Rei para reclamar de forma urxente a mediación do goberno local. A intención da plantilla é forzar a dirección da compañía a sentarse de novo á mesa de negociación para pactar un convenio colectivo digno.
A protesta arrincou cara ás 11:00 horas desta mañá, momento no que os operarios comezaron a ateigar os accesos ao Concello olívico nun ambiente de forte protesta no que se escoitaron consignas como “os do lixo están aquí” ou “Alcalde, escoita, o lixo está en loita”. Con este escenario, marcado polo uso de petardos e bengalas, os empregados completaron a segunda xornada dunha folga indefinida que iniciou formalmente este pasado domingo.
O CHANTAXE DA XUBILACIÓN PARCIAL
O presidente do comité de empresa e portavoz do comité de folga, Suso Diz (CIG), explicou ante os medios de comunicación que os sindicatos levan meses tentando negociar o novo documento regulador, pero as posturas atópanse totalmente encalladas debido á actitude de FCC. O dirixente sindical criticou o que cualificou como un chantaxe por parte da patronal, detallando que antes de levantarse do último encontro a dirección empresarial esixiu a renuncia á xubilación parcial como condición indispensable para poder seguir dialogando.
Desde a representación dos traballadores amosáronse tallantes ao asegurar que non van ceder neste punto, ao tratarse dun dereito adquirido desde hai máis de vinte anos que permite a xubilación parcial a partir dos 63 anos de idade. Diz lembrou a dureza dun sector cuxos operarios realizan as súas tarefas diarias totalmente á intemperie, polo que rexeitan calquera tipo de atraso ou eliminación desta medida de protección sociolaboral.
UNHA OFERTA SALARIAL “COMIDA” POLO IPC
O outro gran punto de fricción atópase na contía económica posta sobre a mesa pola concesionaria. A dirección de FCC propón un incremento salarial do 5% que se repartiría ao longo de catro anos, fixando un 0% para este ano 2026, un 1,5% para os exercicios de 2027 e 2028, e un 2% de cara ao ano 2029, rexeitando ademais calquera tipo de cláusula de revisión vinculada ao IPC. Os sindicatos convocantes da folga, que integran as centrais CIG, UXT e CCOO, cualificaron esta proposta de inaceptable ao lembrar que se estima que os prezos suban un 4% só ao longo deste exercicio, o que faría que a suba de catro anos quedase practicamente comida pola inflación actual.
Por iso, os representantes de as 600 persoas que compoñen o servizo en Vigo instan ao executivo municipal a exercer o seu papel institucional fronte a FCC. Polo de agora, os servizos mínimos fixados aseguran unicamente a recollida en contornas sensibles como hospitais, colexios e mercados, mentres que o paro do 100% da plantilla comeza a visibilizarse con colectores desbordados e unhas 250 toneladas de lixo diarias sen retirar.
