InicioSociedadeExpertos apostan en Vigo por "reconstruír un sistema internacional baseado en alianzas"...

Expertos apostan en Vigo por “reconstruír un sistema internacional baseado en alianzas” e non en “ojivas nucleares”

Os dous analistas participaron no ciclo Diálogos para o Desenvolvemento, onde abordaron o impacto das relacións internacionais na economía global e o papel de Europa nun contexto de crecente incerteza.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O analista político e económico Eduardo Madina e o exvicepresidente económico e exministro de Exteriores de Portugal Paulo Portas protagonizaron este martes en Vigo un encontro do ciclo Diálogos para o Desenvolvemento, no que reflexionaron sobre como as relacións internacionais e a actual interdependencia afectan á economía global. Durante o encontro, ambos defenderon a necesidade de “reconstruír un sistema internacional baseado en alianzas” e non en “oxivas nucleares”, nun escenario marcado polas tensións xeopolíticas e polos cambios no equilibrio de poder mundial.

Así o trasladou, en declaracións aos medios, Paulo Portas, que na súa intervención abordou as relacións entre os presidentes de Estados Unidos, China e Rusia —Donald Trump, Xi Jinping e Vladimir Putin, respectivamente— para reflexionar sobre se o actual sistema de poder pode chegar a substituír as alianzas entre países, así como sobre o papel de Europa neste contexto. “Un sistema de potencias baseado na forza militar e, dentro desa forza, no número de oxivas nucleares que tes, non lle convén a países como España ou Portugal; non lle convén a Europa”, afirmou Portas, que apelou a “reconstruír un sistema internacional baseado en alianzas, en tratados, en convenios, en regras, en límites”. “Non é perfecto, pero garantiu durante 80 anos paz, seguridade e prosperidade”, engadiu o exministro portugués.

Portas falou tamén do caso das economías española e portuguesa, que definiu como “unha excepción positiva” no seu contexto. “Estamos medrando bastante por riba da media europea, reducimos de forma significativa a débeda” e o paro atópase “en niveis algo menos inaceptables”, afirmou. Nese escenario, tanto a economía española como a portuguesa son “economías cada vez máis exportadoras” e, para exportar, é precisa unha situación internacional estable. “Eu son moi partidario da tese de que, se fas comercio, tes máis oportunidades coa paz”, concluíu.

O debate contou tamén coa intervención de Eduardo Madina, que analizou a economía interdependente no contexto global actual e reflexionou sobre a aceleración e a desglobalización como elementos contrapostos. Durante o seu relatorio, Madina compartiu co público as súas consideracións sobre as proxeccións económicas para 2030, incidindo no cumprimento da Axenda 2030 e dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible —ODS—. O analista español profundou tamén na competitividade e na transformación económica en relación coa sustentabilidade e coa adaptación á revolución tecnolóxica.

ÚLTIMAS

Empregados de Vitrasa denuncian a “imposibilidade” de cumprir os “obsoletos” horarios que xeran “atrasos” en buses, especialmente durante o Nadal

O comité de empresa de Vitrasa, a concesionaria do transporte urbano de Vigo, denunciou...

Abel Caballero di que Vigo “arrastrará” a Xunta e deputación para que a cidade “sexa mundialista”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, afirmou este luns que Vigo será mundialista porque...

Carmela Silva (PSdeG) critica ao PP porque “nunca confiou nin axudou” a Vigo

A candidata do PSdeG ao Senado pola provincia de Pontevedra e primeira tenente de...

José Couñago encabezará a candidatura socialista á Alcaldía de Mos nas eleccións locais de 2027

José Couñago encabezará a candidatura do PSdeG-PSOE á Alcaldía de Mos nas próximas eleccións...