O presidente da Deputación de Pontevedra, Luís López, destacou este xoves a lingua galega como elemento de cohesión e identidade da sociedade, nun acto con motivo do Día das Letras Galegas celebrado na sede do organismo provincial en Vigo. Na xornada participaron estudantes do colexio Amor de Dios, que gozaron dunha actividade didáctica deseñada pola Editorial Galaxia e centrada na figura de Begoña Caamaño.
No devandito acto, López destacou que “falar galego non é só unha moda”, nin “unha ferramenta para discriminar ás persoas que non coñecen a lingua” nin pode ser “motivo para menosprezar a ninguén”. “Falar galego é un sinal de respecto pola nosa historia, de unión entre galegos e galegas, e de amor pola nosa terra”, proclamou ante os estudantes. Na súa intervención, o presidente provincial fixo referencia aos autores que coidaron a lingua, como a homenaxeada deste ano, e tamén aos galegos na emigración que manteñen vivo o idioma tras décadas fóra de Galicia.
HOMENAXE A BEGOÑA CAAMAÑO
Pola súa banda, a vicepresidenta da Deputación, Luisa Sánchez, puxo en valor a “pegada” de Begoña Caamaño na cultura galega e convidou aos máis novos a seguir avanzando “polo camiño que ela abriu”. “Era unha muller viguesa, valente, brillante e profundamente comprometida”, lembrou Sánchez, quen engadiu que a escritora e xornalista entendeu a cultura como unha ferramenta para cuestionar e transformar o mundo.
Os alumnos do colexio Amor de Deus participaron nunha actividade levada a cabo polo editor de Galaxia, Marcos Calveiro, e a ilustradora Alba Stilton. Durante o obradoiro, descubriron a traxectoria de Caamaño a través do libro ‘Bego e o mundo do revés’, da autora Iria Collazo, e aprenderon técnicas de ilustración mediante un vídeo formativo para achegarse á obra da autora viguesa dun xeito creativo.
