InicioSociedadeO xuíz do caso Saltamontes procesa á concelleira Patricia Rodríguez e ao...

O xuíz do caso Saltamontes procesa á concelleira Patricia Rodríguez e ao dono do Saltamontes polo accidente mortal

O auto pon fin á instrución e ordena continuar a causa por homicidio imprudente mentres arquiva as actuacións contra os mandos policiais e o presidente da comisión de festas.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O xulgado de instrución número 3 de Vigo ditou o auto que pon fin á fase de investigación polo caso Saltamontes, ordenando continuar a causa contra dous imputados: a concelleira de Seguridade, Patricia Rodríguez Calviño, e o dono da atracción, Genaro Manuel M.D.S. O instrutor considera que os feitos poden ser constitutivos dun delito de homicidio imprudente en concurso cun delito de lesións por imprudencia grave.

Pola contra, o xuíz acordou o sobresemento das actuacións para o resto de investigados, entre os que se atopaban o xefe da Policía Local, o xefe do servizo de Seguridade do Concello e o presidente da Comisión de Festas de Matamá. A resolución abre agora un prazo de 10 días para que a Fiscalía e as acusacións particulares soliciten a apertura de xuízo oral e presenten os seus escritos.

A CONCELLEIRA TIÑA O DEBER “INELUDIBLE” DE TOMAR MEDIDAS

O instrutor sinala no auto que a Concellaría de Seguridade “non comprobou” que o Saltamontes estaba a funcionar a pesar de non contar con autorización, nin ordenou o seu precinto. Para o xuíz, Patricia Rodríguez ostentaba unha posición de “garante” e a súa obriga de actuar emanaba das competencias específicas de inspección e control que lle atribúe a normativa.

A resolución expón que, ao ter coñecemento de que a atracción operaba de forma irregular, a concelleira tiña o “deber xurídico ineludible” de adoptar medidas para neutralizar o risco. O xuíz cualifica de “insuficiente e ineficaz” o envío dun correo electrónico á Policía Local informando da falta de permisos, xa que non se acompañou dun acto administrativo formal de precinto. “A Concellaría decide e a Policía Local executa”, subliña o auto para eximir de responsabilidade aos mandos policiais.

“GRAVE INFRACCIÓN DE COIDADO” DO DONO DA ATRACCIÓN

Respecto ao propietario da atracción, Genaro Manuel M.D.S., o xuíz remarca que operou nas festas sen título habilitante a pesar de coñecer a prohibición municipal. Como dono, tiña o deber de supervisar que a maquinaria estivese en condicións aptas para o seu uso, polo que a súa omisión supón unha “grave infracción do deber de coidado”.

O accidente, ocorrido na madrugada do 3 de agosto de 2024, custoulle a vida a Iván C.H., de 36 anos, ao desprenderse un dos brazos da estrutura. O sinistro tamén causou secuelas psicolóxicas e físicas á noiva do falecido e a outra moza que presenciou os feitos, danos que o tribunal integra no concurso de delitos pola imprudencia grave dos dous procesados.

PP E BNG ESIXEN A DESTITUCIÓN INMEDIATA DA CONCELLEIRA

Tras coñecerse o auto, os grupos municipais do PP e do BNG volveron esixir este xoves a destitución de Patricia Rodríguez. A portavoz popular, Luisa Sánchez, proclamou que “a seguridade da cidade non pode estar en mans dunha persoa imputada por homicidio por imprudencia” e instou o alcalde, Abel Caballero, a cesala de xeito inmediato. Sánchez avisou de que, se o cese non se produce en 24 horas, promoverán un pleno extraordinario, denunciando que o xuíz sinala a conduta imprudente da concelleira ao non ordenar o precinto da atracción.

Pola súa banda, o BNG destacou que a imputación de Rodríguez sinala de forma “incontestable” que a responsabilidade sitúase na dirección política e na acción de goberno. O portavoz nacionalista, Xabier Pérez Igrexas, censurou que o alcalde nunca dera explicacións e recorrese a unha “estratexia da confusión”. O Bloque volveu pedir a constitución dunha Comisión Especial de Investigación para depurar responsabilidades e solicitou a comparecencia urxente de Caballero no Pleno para responder ante a cidadanía viguesa.

ÚLTIMAS

Xulgan en Vigo unha muller acusada de estafar 6.800 euros cun falso aviso dun “fillo en apuros”

A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, celebrará o...

A RAG abre en Vigo a Semana das Letras Galegas coa proxección dun documental sobre Begoña Caamaño

A Real Academia Galega (RAG) abre este luns en Vigo, cidade natal da homenaxeada...

Caballero acusa á Xunta de querer devaluar ás Illas Cíes por non defender que sexan Patrimonio da Humanidade

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, acusou este venres á Xunta de pretender "devaluar"...