O BNG de Vigo celebrou este pasado mércores unha asemblea local na que a militancia acordou, por unanimidade, elixir de novo a Xabier Pérez Igrexas como candidato á Alcaldía de cara ás eleccións municipais de 2027, co obxectivo de “dar un gran salto adiante” na a cidade que permita multiplicar a súa representación no Concello e ser unha forza “decisiva e determinante”.
Así o informou o Bloque nun comunicado, no cal a deputada Carmela González reivindicou o exemplo de “democracia radical” da organización política, no que o conxunto da militancia tivo a posibilidade de formular propostas. “No BNG as decisións son colectivas e o protagonismo é sempre da militancia“, dixo. A proposta de Igrexas contaba tamén co aval unánime do Consello Local do Bloque, o que para González demostra “o enorme grao de cohesión e unidade interna dun BNG plural e diverso”.
Pola súa banda, o propio candidato agradeceu a confianza dos seus e afirmou que as eleccións de 2027 son para o BNG “unha enorme oportunidade para facer avanzar o seu proxecto de transformación en positivo que representa o nacionalismo galego na maior cidade” de Galicia. “Fronte a quen pretende sementar a impotencia tentando convencernos de que nada pode cambiar, afirmamos o noso compromiso revolucionario de facer posible o cambio que é necesario”, proclamou.
Igrexas subliñou o traballo realizado nos últimos anos como “excelente punto de partida”. “Non empezamos de cero. Contamos cunha ampla traxectoria de esforzo e de traballo. De moita rúa pateada, barrio a barrio, parroquia a parroquia, como demostran as máis de 956 iniciativas, propostas e posicionamentos que o BNG despregou desde as eleccións de 2023″, insistiu.
“Somos a forza á alza en Vigo e imos estar á altura dos miles de persoas que miran con confianza e esperanza ao BNG, traducindo esa onda imparable de apoio e simpatía en votos que permitan abrir un tempo novo na cidade”, defendeu.
