As organizacións sindicais UGT, Comisiones Obreras (CC.OO.) e CIG planean outras tres xornadas de folga os días 19, 20 e 21 de maio se non se alcanza un acordo de convenio tras as tres primeiras paradas que se realizarán o 7, o 13 e o 14 deste mes.
Estes novos paros coincidirían coa celebración da Feira Internacional da Industria Naval (Navalia), que terá lugar no Instituto Ferial de Vigo entre o 19 e o 21 de maio. “Hai condicións que valen máis que o salario. Esiximos condicións dignas”, insistiron os tres sindicatos, criticando o “inmobilismo” da patronal, a pesar de que se solicitaron moitas melloras que “non supoñen un lastre económico”.
En rolda de prensa, Xulio Fernández (CIG) puxo en valor a unidade sindical á hora de convocar estas protestas, asegurando que a parte empresarial non negociou “de boa fe” durante os máis de dez encontros mantidos, porque “quixo impoñerse sen ter en conta as propostas” dos traballadores. Tanto el como Santiago García, de Comisiones Obreras, insistiron en que “hai máis condicións que o salario”, referíndose a outros aspectos do sector que queren mellorar para facelo “máis atractivo”. “É o momento. Sempre din que non hai persoas cualificadas para o sector”, afirmou Cristian González (UGT), reclamando “condicións atractivas” para que os mozos queiran traballar no metal.
MÁIS FOLGAS
Por iso, saen ás rúas este xoves, día 7, na primeira xornada de folga. A manifestación partirá ás 09.00 horas do estaleiro Armón, percorrerá a rúa Coruña, Camelias e chegará ao Concello, para despois dirixirse á Delegación da Xunta. Uns 33.000 traballadores da provincia están convocados aos primeiros tres paros, aos que prevén engadir outros tras xornadas de folga se non se alcanza un acordo. Espérase que o 100% dos empregados secundasen a folga, ante as condicións “moi duras” que padece o sector.
PATRONAL
Pola súa banda, nun comunicado conxunto, as tres patronais do sector (Asime, Atra e Instalectra) criticaron o “bloqueo sistemático” dos sindicatos, que rexeitaron unha proposta máxima de suba salarial do 14,5% en catro anos. “Aínda que desde a parte empresarial aceptamos varias propostas sindicais e fixemos movementos nas últimas reunións, ao non ser valoradas positivamente esas cesións pola parte sindical, vimosnos obrigados a volver ás propostas que presentamos na 10.ª reunión, modificando a suba do 14,5% ao 13% para catro anos de convenio, así como a redución de 8 horas de xornada anual, que en lugar de aplicarse en 2027 aplicaríase en 2028″, recoñeceron os empresarios.
