InicioSen categorizarEn paradero descoñecido dous activistas vigueses a bordo da flotilla a Gaza,...

En paradero descoñecido dous activistas vigueses a bordo da flotilla a Gaza, logo de seren abordados polo exército de Israel preto de Creta

PUBLICADO O

- Advertisement -

O que debía ser unha misión humanitaria de solidariedade co pobo palestino converteuse nunha noite de terror en alta mar. A armada israelí interceptou na madrugada de onte as embarcacións da Global Sumud Flotilla cando navegaban por augas internacionais, a máis de 600 millas da costa de Gaza, e secuestrou os civís que viaxaban a bordo, entre eles sete galegos. Tres dos disparos efectuados polos militares non alcanzaron as naves, pero a tripulación perdeu toda comunicación.

O vigués Duarte Ferrín, un dos activistas a bordo, foi o último en contactar cos medios de comunicación. “O primeiro que fixeron foi cortarnos a comunicación por radio. Xa están aquí. Se mañá non me comunico é que nos secuestraron”, logrou transmitir antes de que, sobre as 2 da madrugada, se perdese toda a sinal. Desde entón, o seu paradoiro é descoñecido comentan compañeiros do colectivo a RÍA NON SE VENDE.

A última carta de Duarte Ferrín dous días antes do secuestro

O 27 de abril, só dous días antes de ser interceptados, Duarte Ferrín escribira unha carta publicada no blog A RIA NON S€ VENDE na que compartía o estado de ánimo da flotilla e denunciaba a actitude da Unión Europea. O texto, titulado A Flotilla segue en camiño a pesar da UE”, relataba como a Comisión Europea, a través da súa portavoz Eva Hrncirova, lles aconsellara non seguir adiante coa acción humanitaria “por razóns de seguridade para as participantes”.

Ferrín cualificaba aquel comunicado como “curioso e demencial” e denunciaba: “É curioso e demencial que se dirixan a nós, para garantir a nosa seguridade, as posíbeis vítimas, e non se exixa duramente ao estado xenocida que respete ás campañas de axuda humanitaria”. Na súa carta, o activista vigués alertaba de que a advertencia da UE “normaliza e prepara o camiño para amortiguar o impacto mediático de calquera actuación violenta que exerza o estado de Israel contra a Flotilla”.

“Esta actitude dá por feito que nos poden atacar con toda impunidade”, escribía Ferrín, nunha premonitoria análise do que acontecería só 48 horas despois. O vigués contrapoñía a tibieza europea coa urxencia extrema en Gaza: “Tal e como está a situación en Gaza, de extrema urxencia humanitaria, con meniñas morrendo de fame e frío, todo indica que estas iniciativas da UE non serven absolutamente para nada”.

A carta remataba cunha mensaxe de esperanza e determinación: “Cada día que pasa os ánimos están máis altos e temos máis ganas de chegar a Gaza entregar a axuda humanitaria e abrir un corredor permanente por mar. Sentímonos arroupados por todas as persoas que nos apoian desde terra, desde os distintos currunchos do planeta, onde aínda queda xente que pensa que outro mundo é posíbel”.

Un secuestro a vista de todos

A flotilla zarpou o pasado 15 de abril desde Barcelona con unhas 300 persoas a bordo. Segundo a carta de Ferrín, o domingo 26 de abril levantaran áncoras en Sicilia con 56 barcos e 404 participantes para dirixirse a Creta, onde se unirían os barcos gregos. O obxectivo final era chegar a Gaza e entregar axuda humanitaria: mochilas con material escolar e roupa de abrigo recadadas por nenos e nenas de numerosos colexios de Galicia.

Na noite do mércores, cando se atopaban a un día e medio de Creta, varias lanchas con soldados identificados como “armada israelí” aproximáronse ás naves. Segundo o relato de Ferrín, déronlles a orde de parar, mais a flotilla continuou a súa marcha. Foi entón cando resoaron tres disparos. “Disparáronnos tres veces”, relatou o activista. Despois, os drones comezaron a sobrevoar os barcos, primeiro a grande altura, despois cada vez máis preto.

Que di o dereito internacional?

O suceso tivo lugar en augas internacionais. Segundo a Convención das Nacións Unidas sobre o Dereito do Mar (Convemar), aprobada en 1982 e en vigor desde 1994, as augas internacionais —ou “alta mar”— son aquelas que non están incluídas dentro da zona económica exclusiva, mar territorial ou augas interiores de ningún Estado. Comezan máis alá das 200 millas náuticas da costa base de calquera país.

O profesor de Dereito da Unión Europea Julio Guinea explicaba a Newtral.es que estes espazos “son comúns, non teñen unha titularidade adscrita a ningún estado, e están abertos ao uso e aproveitamento de todo o mundo”. A Convemar, ratificada por máis de 160 estados, establece que as augas internacionais son patrimonio común da humanidade e que ningún Estado pode controlalas.

Porén, Israel non forma parte do tratado ao non telo ratificado —ao igual que Estados Unidos ou Venezuela—, aínda que o experto sinalaba que isto non os exime de cumprir os principios fundamentais do dereito do mar, pois a maioría proveñen de prácticas xeneralizadas aceptadas polos estados como dereito.

Piratería de estado?

A organización Global Sumud Flotilla cualificou os feitos como “piratería” e “captura ilegal de seres humanos en alta mar”. Nun comunicado emitido esta mañá, denunciaron que Israel “estende o seu réxime de control cara ao exterior e ocupa o mar Mediterráneo fronte ás costas de Europa”, e alertaron dun “precedente catastrófico”.

“Isto é piratería. Trátase da captura ilegal de seres humanos en alta mar preto de Creta, unha afirmación de que Israel pode operar con total impunidade, moito máis alá das súas fronteiras, sen ningunha consecuencia”, sinala a nota.

Segundo o profesor Guinea, en situacións de conflito armado pódese levar a cabo un bloqueo naval, pero impóndose condicións moi estritas: que sexa proporcional, que non se impida o acceso de axuda humanitaria esencial, que non se viole o dereito de terceiros estados nin se poña en perigo a vida de civís. Na súa opinión, se o bloqueo israelí a Gaza se considerase internacionalmente como ilegal, “o abordaxe podería ser cualificado como un acto de piratería de estado ou de captura ilegal”, o que suporía unha violación do principio de libre navegación en alta mar.

Silencio cómplice

A organización humanitaria lamentou o “silencio” dos gobernos internacionais, algúns dos cales —como varios europeos— instaran nos días previos a frear a acción humanitaria “por razóns de seguridade dos participantes”. A flotilla decidiu continuar, e denunciou que non se condenase a un “Estado xenocida” no canto de intentar frear a chegada de axuda.

“Gobernos que afirman defender o dereito internacional, unha vez máis, non dixeron nada. Nin condenas urxentes. Nin esixencias inmediatas para a liberación dos cativos. Nin chamadas a que se rindan contas. Esta falta de resposta non é neutralidade, senón permisividade e complicidade”, denunciaron.

Nas súas propias palabras desde a flotilla, Ferrín xa advertira o 27 de abril: “Cun estado xenocida non valen os contactos regulares ou as conversas, que o único que provocan é darlle lexitimidade aos xenocidas. Hai que tomar outro tipo de medidas como romper toda relación diplomática e comercial con Israel, bloquear a entrada de armamento e tecnoloxía bélica, a imposición de sancións e, por suposto, captura e condena de todos os responsables dos crimes de lesa humanidade cometidos en Palestina”.

Imaxe da flotilla saindo de Sicilia | Foto Global Sumud Spain
Imaxe da flotilla saindo de Sicilia | Foto Global Sumud Spain

Onde están os sete galegos?

A delegación galega estaba formada por sete persoas, das cales dúas eran de Vigo: Duarte Ferrín e Benito González. Ferrín, activista en causas medioambientais e antibelicistas, explicara días antes da partida que non sentía “desamparado” porque non esperaba “nada das institucións”. “Non temos medo —declarara o 21 de abril—, somos persoas concienciadas e coa moral moi alta”.

Agora, a incerteza é total. As fontes próximas ás tripulacións aseguran que as forzas israelís están actuando “con maior violencia que na anterior flotilla” (a de agosto de 2025, que tamén foi interceptada en augas internacionais), destrozando os motores dos barcos e deixándoos sen localización, cunha tormenta que se aproxima.

“Onde están os civís secuestrados? Cara a onde os levasen? Coordináronse os gobernos europeos cos israelís para facilitar os secuestros?”, esixe a Global Sumud Flotilla. Exixen respostas inmediatas e que se depuren responsabilidades.

Posibles medidas

O dereito internacional permite, ante unha violación grave do principio de libre navegación en alta mar, tomar medidas que van desde a protesta a nivel diplomático ata a denuncia en tribunais internacionais. Os delitos de piratería poden ser perseguidos e xulgados por calquera Estado sen necesidade de autorización do país de bandeira do buque implicado, ao abeiro do principio de xurisdición universal limitada.

Mentres os gobernos non reaccionan, as familias dos sete galegos e o resto de activistas —procedentes de múltiples nacionalidades— agardan noticias nunha angustiosa incerteza. A pregunta que queda no aire, formulada pola propia flotilla e polas palabras de Duarte Ferrín, é esta: “Como se lle permitiu a Israel chegar a un punto no que pode levar a cabo secuestros a plena vista, contra civís desarmados, sen temor a consecuencias?


Nota: A carta de Duarte Ferrín foi publicada orixinalmente o 28 de abril de 2026 no blog A RIA NON S€ VENDE, baixo o título “A Flotilla segue en camiño a pesar da UE”.

ÚLTIMAS

Colectivos de Vigo convocan unha protesta de urxencia ante o asalto á flotilla con dous vigueses a bordo dos que non se teñen noticias

Vigo acollerá este xoves 30 de abril, ás 20:00 horas, unha concentración no Paseo...

Sindicatos policiais denuncian en Vigo falta de persoal e unha comisaría “indigna”

Os sindicatos policiais SUP e CEP levaron a cabo este xoves unha concentración diante...

Caballero esixe explicacións a Rueda polas “mentiras” sobre o AVE Vigo-O Porto

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, pediu este xoves explicacións a Alfonso Rueda e...

Stellantis cae un 7% en Bolsa a pesar de anunciar beneficio neto de 377 millóns

Stellantis iniciou a sesión bursátil deste xoves en París cunha caída do 7,44%, ata...