A Policía Nacional de Vigo investiga “con todas as liñas abertas” o incendio ocorrido nun edificio situado na rúa de Cesáreo González, en Vigo, na madrugada do venres ao sábado. No sinistro resultaron feridas tres persoas, das cales unha muller permanece ingresada en estado de gravidade. Polo momento, non hai persoas detidas por estes feitos. “Está a investigarse con todas as vías abertas. Non unha en concreto”, indicaron este domingo fontes oficiais, que non concretaron cales son as hipóteses que se barallan.
A muller ferida foi trasladada ao Complexo Hospitalario da Coruña (CHUAC) con queimaduras de terceiro grao que afectan ao 60 % do seu corpo. Segundo informaron fontes do centro, a paciente continúa ingresada na Unidade de Queimados con prognóstico grave. Os feitos ocorreron pasada a medianoite, cando ás 01.20 horas un particular chamou ao 112 Galicia para avisar de que estaba a arder a parte baixa dun edificio e que había persoas pedindo axuda no interior.
Os Bombeiros de Vigo apagaron as chamas, que calcinaron residuos acumulados na planta baixa e no soto do inmoble. Pola súa banda, os servizos sanitarios encargáronse de trasladar ás tres persoas feridas. A investigación policial continúa para tratar de esclarecer a orixe do lume que provocou estes graves danos persoais e materiais.
