O Porto de Vigo acollerá este martes, día 22 de abril, a súa primeira tripla escala de cruceiros da tempada con máis de 7.500 turistas, contando coa visita dos barcos ‘Britannia‘, ‘Ventura‘ e ‘Le Bellot‘. Tal como informa a Autoridade Portuaria, será a partir das 06:30 horas cando o peirao de Comercio e a Estación Marítima de Transatlánticos vexan atracar a estes tres cruceiros.
En concreto, o ‘Britannia‘ trátase do “xigante” da xornada con 330 metros de eslora. Chegará procedente da Coruña con máis de 4.300 cruceiristas e 1.400 tripulantes. Partirá sobre as 17:00 horas cara a Cherburgo (Francia). O ‘Ventura‘, tamén da navieira P&O Cruises, ten 290 metros de eslora e transporta a máis de 3.000 pasaxeiros. Chegará desde Southampton (Reino Unido) e porá rumbo a Lisboa ás 17:00 horas. Por último, o ‘Le Bellot‘ é un cruceiro de “ultraluxo” da compañía Ponant, que atracará con 184 pasaxeiros a bordo.
“Mañá é un día de máxima relevancia. A coincidencia de tres cruceiros de primeiro nivel non só demostra a nosa capacidade operativa para xestionar grandes volumes de pasaxeiros simultaneamente, senón que reafirma a confianza das grandes navieiras como P&O e Ponant nas nosas instalacións”, subliñou o presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Carlos Botana.
“Estamos ante a primeira das escalas triplas dun ano que será excepcional. Ademais das 11 escalas dobres programadas, xa miramos cara ao 2 de setembro, cando recibiremos outra tripla cita co ‘Liberty of the Seas’, o ‘Iona’ e o ‘Mein Schiff 6’. Vigo segue consolidándose como o porto con mellores infraestruturas do Atlántico para o turismo de cruceiros, desde o gran formato ata o luxo de expedición”, engadiu Botana.
