InicioSucesosUnha investigación iniciada en Vigo destapa unha rede que enganaba migrantes con...

Unha investigación iniciada en Vigo destapa unha rede que enganaba migrantes con falsas ofertas de emprego

A Policía Nacional desmantela unha trama que captaba cidadáns estranxeiros nos seus países de orixe, lles cobraba por trámites e promesas laborais falsas e acabou co seu presunto xefe detido en Oviedo.

PUBLICADO O

- Advertisement -

Unha investigación da Policía Nacional iniciada en Vigo permitiu desmantelar unha rede dedicada a captar cidadáns estranxeiros nos seus países de orixe mediante falsas ofertas de emprego, e levou á detención do presunto xefe da trama en Oviedo. A operación foi desenvolvida de forma conxunta polas Brigadas de Estranxeiría e Fronteiras da Comisaría de Vigo-Redondela e da Xefatura Superior de Policía de Asturias.

As pescudas comezaron na cidade olívica cando, durante a revisión da documentación presentada por unha muller estranxeira para un trámite administrativo, os axentes detectaron que os contratos e papeis achegados non se correspondían con ningunha empresa real. Segundo a Policía, a muller acudiu á Comisaría sen saber que xa era vítima da trama, despois de ser trasladada a España enganada polos seus responsables co obxectivo de utilizala para captar novas vítimas, sen que ela fose consciente diso.

Tras tomarlle declaración, os investigadores descubriron varias empresas ficticias, todas vinculadas a unha mesma persoa, que se empregaban como “carta de presentación” para atraer persoas interesadas a través das redes sociais. Deste xeito, os delincuentes publicaban anuncios nos que ofrecían a posibilidade de traballar en España, sobre todo no sector dos transportes, onde existe demanda de persoal cualificado.

A cambio dunha determinada cantidade de diñeiro, a rede ofrecía un “pack completo” que incluía xestións e trámites documentais, falsas citas para exames de capacitación profesional e a promesa de acceso a unha bolsa de emprego. As vítimas comezaban a pagar xa desde os seus países de orixe coa esperanza de conseguir un posto de traballo, unha expectativa que nunca chegaba a materializarse.

O traballo conxunto das unidades policiais, coa participación da Interpol, permitiu identificar a tres persoas relacionadas coa trama delituosa. Segundo fontes policiais, o principal responsable vivía en Oviedo e contaba con dous colaboradores no estranxeiro, encargados de recibir parte dos pagamentos realizados polas vítimas. Unha vez localizado, os axentes da Brigada de Estranxeiría e Fronteiras da Xefatura Superior de Asturias organizaron un operativo para proceder á súa detención, que finalmente levaron a cabo nun domicilio de Oviedo no que se atopaba de forma temporal.

ÚLTIMAS

O lume de Camos, entre as queimas autorizadas e o conflito dos bombeiros forestais

O incendio forestal declarado o xoves na parroquia de Camos, en Nigrán, comezou cunha...

Abel Caballero inaugura a conta atrás ata o 25 de decembro: “O Nadal de todo o planeta é a de Vigo”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, inaugurou este sábado un reloxo dixital cunha conta...

“Menos luces e máis vivendas”: máis de 200 persoas saen á rúa en Vigo contra os prezos da vivenda

Máis de 200 persoas saíron este venres ás rúas de Vigo para reclamar o...

“Estamos desesperados”, veciños de Privada Moderna esixen á Sareb que “cumpra a sentenza” e arranxe os seus pisos

Veciños da rúa Privada Moderna de Vigo esixíronlle á Sociedade de Xestión de Activos...