InicioMovementos SociaisXavier Moreda: Memoria, Verdade e Xustiza en Vigo

Xavier Moreda: Memoria, Verdade e Xustiza en Vigo

PUBLICADO O

- Advertisement -

Xavier Moreda naceu en Lavadores e é un dos impulsores da memoria histórica en Vigo. Membro dunha familia mártir.

​¿Por que non nos contas o motivo polo cal fundaches esta asociación?
​Xavier Moreda: Despois de moitos anos, facíase necesario crear unha asociación que demostrase que a memoria ten unha utilidade para a actualidade. Debe servir para calquera tipo de loita social, non só para conmemorar actos de xeito funerario ou puramente “culturalista”, senón que teña unha aplicación práctica e política.

​LPL: Vostede viviu de preto o drama da represión na nosa cidade. ¿Que testemuño familiar ten neste sentido?
​XM: Por desgraza, practicamente todos os homes da miña familia foron asasinados, a excepción do meu pai e un irmán del que coñecín posteriormente. Sempre o tiven claro polo que contaba miña nai; as mulleres adoitan ser a memoria da familia. Os homes, por medo a que os seus fillos sufrisen, adoitaban omitir o sucedido. Eu tiven a sorte de que meus pais, dentro do que permitía esa ditadura onde non se podía falar, íanme contando todo. Realmente nolos estamos a decatar dos detalles agora, porque antes a documentación non estaba á nosa disposición.

​LPL: ¿Cantas e quenes foron as vítimas na súa familia?
​XM: Foi un auténtico exterminio. A primeira vítima foi Lenin Moreda, que tiña só 15 anos cando comezou o xenocidio o 20 de xullo. Despois foron o seu pai, José Moreda, e o meu avó Constante Moreda (irmán de José). Ambos, xunto a un cuñado, foron fusilados o mesmo día, o 10 de decembro de 1936, no Monte do Castro. Tamén os seus irmáns: Alfonso, que morreu na prisión de Burgos, e Eulogio, que aínda que non morreu, pasou por cinco campos de concentración. Ademais, houbo mulleres reprimidas e violadas. Para min foi un xenocidio; familias enteiras foron aniquiladas ou empurradas ao exilio e á fame.

​LPL: ¿Por que define o sucedido como un “xenocidio galego”?
​XM: Porque foi ordenado e premeditado. Ían por familias específicas en lugares como Lavadores. Xa tiñan listas preparadas, os xulgados organizados e incluso a colaboración de algúns médicos nos hospitais. Utilizaron unha metodoloxía que creo foi prestada dos alemáns; Galicia foi un campo de experimentación previo á Segunda Guerra Mundial.

​LPL: ¿Pensa que a cidadanía viguesa é consciente do que sucedeu durante os 40 anos do franquismo?
​XM: Non. Os pobos tenden a esquecer o que non está presente. Houbo unha “lei do silencio” promovida incluso despois, durante a Transición, por determinados partidos políticos que procuraron que non se removese nada. Institucións represivas como o Padroado de Protección da Muller duraron ata 1985. O que pasou foi un “borrado de cerebro”. Hoxe úsase a memoria ás veces como un “verníz” por parte de quen non son revolucionarios, pero os arquivos seguen sen estar totalmente abertos ao público aquí en Galicia.

​LPL: ¿Cree que o goberno municipal está á altura da recuperación da memoria histórica nunha cidade onde fusilaron a alcaldes, concelleiros e miles de traballadores?
​XM: É un exemplo a non seguir. No cemiterio de Pereiró hai un “xardín da memoria” que é algo absolutamente nimio para o que ocorreu. Mentres, segue en pé a Cruz dos Caídos inaugurada por Franco e hai cárceres que non están sinalizados. O Concello de Vigo non recoñece os lugares de memoria nin ás vítimas da sociedade civil.

​LPL: Vostede menciona un “pacto de silencio”, pero parece haber un renacer por parte dos descendentes
​XM: Si, hai moitos netos que senten a necesidade de coñecer a súa historia e fano con orgullo. Pero esa busca debe ir acompañada de conciencia política. Non abonda con falar dos antepasados por sentimentalismo; hai que entender a utilidade práctica desa memoria para que sexa racional e completa.

​LPL: ¿Que actividades realizou a súa asociación ata o de agora?
​XM: Sinalamos datas clave. O 20 de xullo como inicio do xenocidio (en lugar do 18 de xullo) e o 10 de decembro, cando fusilaron á miña familia e a outros no Castro. Tamén conmemoramos o asasinato de Moncho Reboiras no seu barrio. Este ano queremos reivindicar o 25 de abril (Revolución dos Cravos en Portugal) como unha data liberadora para os galegos e para toda Europa.

​LPL: O seu avó, Constante Moreda, foi un dos grandes gaiteiros de Galicia. ¿Por que non é un personaxe recoñecido na axenda da cidade?
​XM: Foi un músico excepcional e unha persoa admirable. Tiña un compromiso enorme con sociedades culturais; era un “gaiteiro dos de antes” que fundou grupos como Los Morenos. Tiña o don da ubicuidade: estaba nun 1 de maio e na procesión de San Xurxo. Márono porque non foi ás Olimpíadas Populares de Barcelona; quedou porque a súa muller estaba mal e non logrou escapar da masacre.

​LPL: A familia Moreda é moi numerosa e moitos comparten o oficio da barbaría, ¿Como acompañan eles este traballo pola memoria?
​XM: Agora todos están implicados. Ao principio había reticencias polo medo inculcado e o silencio educativo, pero hoxe entenden que o recoñecemento da verdade é fundamental, máis alá das opinións políticas de cada un. É unha cuestión de sensibilidade e compromiso.

ÚLTIMAS

Carmen García Mateo abre a campaña ao Reitorado da UVigo reivindicando “seriedade” fronte á improvisación

A candidata a reitora da Universidade de Vigo (UVigo), Carmen García Mateo, abriu este...

Unha investigación iniciada en Vigo destapa unha rede que enganaba migrantes con falsas ofertas de emprego

Unha investigación da Policía Nacional iniciada en Vigo permitiu desmantelar unha rede dedicada a...

O Concello reforza servizos para facilitar a regularización

O Concello de Vigo reforzou o servizo de atención ao público para "atender ao...

O Concello activará un dispositivo permanente para situacións de violencia de xénero

O Concello de Vigo activará o 1 de maio un novo dispositivo de acollemento...