InicioSociedadeTestemuñas relatan episodios de ameazas e coaccións dun membro do GES Val...

Testemuñas relatan episodios de ameazas e coaccións dun membro do GES Val Miñor que nega os feitos

O acusado enfróntase a case catro anos de cárcere mentres os seus compañeiros describen un ambiente de traballo marcado polo medo e o desprezo machista.

PUBLICADO O

- Advertisement -

Un bombeiro do GES do Val Miñor, acusado de tres delitos de coaccións, en concurso con dous delitos de lesións psíquicas menos graves, e un delito de lesións, compareceu este martes ante o tribunal de instancia de Vigo, sección penal praza 1, nun xuízo no que se enfronta a penas que suman 3 anos e 10 meses de cárcere, e no que negou os feitos que lle atribúen, fronte ás testemuñas que relataron episodios frecuentes de ameazas, insultos ou coaccións pola súa banda. O acusado recoñeceu que hai un ambiente de enfrontamento no GES, pero atribuíuno a tensións pola consecución de prazas estables no servizo, e criticou que o GES non dispón de procedementos de traballo. Así mesmo, denunciou “xogadas sucias” no nomeamento dun coordinador do servizo e outras irregularidades, como ordes que lle daban para realizar funcións que, como peón forestal, non lle correspondían. En todo caso, e con respecto aos supostos delitos polos que se lle acusa, negou que insultase aos seus compañeiros e, especificamente, á delegada de persoal, a única muller no servizo. Tamén negou que ameazase de morte nin aos seus superiores nin ao resto de compañeiros.

DESPREZO “POR SER MULLER”

Unha das prexudicadas na causa, a delegada de persoal, declarou ante a xuíza que os problemas co acusado comezaron cando foi despedido nun proceso de estabilización e, aínda que logo volveu incorporarse ao servizo, seguiu o conflito porque nomearon coordinador a outra persoa. Desde ese momento, explicou esta testemuña, o acusado xa adiantou que non ía acatar as ordes e “actuaba con desprezo cara aos compañeiros”. No seu caso concreto, asegurou que o acusado menosprezaba o seu traballo, e dicíalle constantemente que conseguira o seu posto “por ser muller”, pero que, en realidade, non era válida para ese traballo. Así, narrou, chegou a afearlle que traballaba no GES porque lle fixo “favores” aos alcaldes do Val Miñor. Esta testemuña sinalou que o episodio máis grave produciuse un día que lle gritou e insultou, advertíndolle de que a ía “queimar viva”. “Temín pola miña vida”, remarcou, e explicou que agora, aínda que xa non traballan xuntos, nos cambios de quenda “escóndese” para non cruzalo, e evita quedar a soas nas instalacións con el.

“NINGUÉN QUERÍA TRABALLAR CON EL”

Outra testemuña foi o que foi coordinador do servizo cando ocorreron estes feitos, e sinalou que o acusado buscaba o “enfrontamento directo” con el, coa delegada de persoal e coa maioría de compañeiros. Respecto diso, explicou que o propio procesado explicaba “que non ía colaborar, que ía pór todas as trabas posibles”. Este traballador, que a raíz do conflito renunciou a renovar o cargo de coordinador, tamén relatou insultos, faltas de respecto e desobediencia de ordes directas. Igualmente, responsabilizou ao acusado de crispar o ambiente de traballo e dificultar o normal desenvolvemento do servizo: “Ninguén quería traballar con el”. Na mesma liña, outro dos traballadores prexudicados relatou situacións de ameazas, insultos, desprezos e “provocacións”. “Había que facelo todo como el quería (…), a xente non denunciou por medo, porque se puña violento”, sinalou, e engadiu que mesmo actualmente, que só se ven nas substitucións, coincidir con el “é un sufrimento”. Unha cuarta testemuña corroborou que o acusado mantiña unha “actitude desafiante” e que presenciara varias discusións, insultos e ameazas, como que “ía queimar o parque con todos dentro”. “Coñézoo desde hai anos, é unha persoa de carácter moi forte, pero iso derivou nunha situación de ‘ou estás comigo ou contra min'”, explicou, e recoñeceu que o acusado lle dá “medo”.

“NINGUNHA MEDIDA”

Os prexudicados sinalaron que a situación era tan insostible que puxeron os feitos en coñecemento da Mancomunidade do Val Miñor en varias ocasións, e que tamén houbo unha actuación da Inspección de Traballo. No caso do ente supramunicipal, explicaron que se abriu un expediente disciplinario, pero que este “se deixou caducar” sen que a Mancomunidade tomase “ningunha medida” contra este traballador, e iso a pesar das evidencias solicitadas pola Inspección e dos numerosos avisos por parte dos membros do servizo. Respecto diso, remarcaron que os alcaldes (Nigrán, Baiona e Gondomar) eran coñecedores do que estaba a pasar e que tamén trasladaran a situación ao psicólogo da Mancomunidade. “Nunca se fixo nada”, explicou unha das testemuñas.

ÚLTIMAS

A Policía investiga o achado dun cadáver en estado de descomposición nunha casa okupada de Vigo

A Policía Nacional investiga o achado do cadáver dun home en estado de descomposición,...

O PP propón un bono mensual de 20 euros para o bus de Vigo ante a subida do billete ordinario

O grupo municipal do PP de Vigo propuxo a implantación dun bono mensual de...

A Doblada: da desidia toponímica á desmemoria histórica

​Hai uns días, a Xunta de Galicia modificou decenas de toponímicos nas catro provincias,...

A Policía Nacional evita en Vigo que un home se lance ao baleiro desde unha terraza

Axentes da Policía Nacional da Comisaría de Vigo-Redondela evitaron que un home se lanzase...