O Concello de Vigo destinará máis de 1,3 millóns de euros para financiar unha nova edición do festival O Marisquiño, que se celebrará entre o 6 e o 9 de agosto nas inmediacións da praia de Samil. Así o sinalou o alcalde, Abel Caballero, tras asinar este martes o convenio de colaboración coa organización para financiar “integramente” o evento deportivo de cultura urbana.
Caballero puxo en valor que se tratará dun festival gratuíto para todas as persoas que decidan acudir, xa que será o goberno local o que o financie. O rexedor subliñou que arredor de 1.500 deportistas de máis de 30 países daranse cita no evento, que acollerá competicións relacionadas co skate, o BMX ou o basket 3×3, entre moitas outras, ademais de concertos e demais actividades.
