Axentes da Policía Local de Vigo levaron a cabo nas últimas horas un operativo de rescate dun mozo de 30 anos, que se precipitou de madrugada ao mar na zona do Náutico, tras enviar unha mensaxe de despedida a un coñecido. Segundo informaron fontes policiais, tras coñecerse o envío desa mensaxe, unha patrulla trasladouse ao domicilio do mozo, onde unha das moradoras sinalou que cría que o home se atopaba na súa habitación e explicou que o vira por última vez ao mediodía, cunha actitude cabizbaixa por problemas persoais. Ao chamalo sen obter resposta, os axentes entraron no cuarto, pero este atopábase baleiro.
Inmediatamente, deron aviso a todas as unidades da situación, co fin de establecer un operativo de procura e localización deste home. Sobre a 1.30 horas da madrugada, a sala do 092 recibiu un aviso por unha persoa que se precipitara ao mar á altura do pantalán próximo á Praza da Estrela. Varias dotacións desprazáronse á zona e, seguindo as indicacións duns pescadores, achegáronse ao lugar onde caera o mozo. Alí localizaron o seu corpo flotando boca abaixo. Unha das policías lanzouse á auga e comprobou que o home estaba inconsciente e non respiraba.
Mediante o uso do chaleco de rescate, un elemento da dotación dos vehículos patrulla, foi remolcado ata unhas escaleiras contiguas e, unha vez ambos fóra da auga, comezáronse as manobras de reanimación cardiopulmonar (RCP) co desfribilador. Tras 20 minutos, presentáronse efectivos de Urxencias Sanitarias, que se fixeron cargo de continuar a reanimación mediante o robot LUCAS e, tras media hora, determinaron o seu traslado ao Hospital Álvaro Cunqueiro, onde ingresou na UCI. No operativo tamén colaboraron efectivos da Policía Nacional, da Garda Civil e da Policía Portuaria. O home rescatado resultou ser o que enviara a mensaxe de despedida, S.V.G., de 30 anos.
