InicioPolíticaCaballero reclama cartos á Xunta e á Deputación para a Reconquista e...

Caballero reclama cartos á Xunta e á Deputación para a Reconquista e promete levala ao selo internacional “estean ou non”

O alcalde de Vigo enviará unha proposta de convenio para que ambas administracións acheguen 250.000 euros ao ano á festa, mentres o PP lle reprocha que “non engane” coa tramitación como Festa de Interese Turístico Internacional.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou este martes que remitirá á Xunta e á Deputación de Pontevedra unha proposta de convenio para que ambas administracións colaboren economicamente coa Festa da Reconquista nos mesmos termos en que o fai o Concello. En declaracións enviadas aos medios, o rexedor referiuse á moción aprobada por unanimidade nas últimas horas no pleno para solicitar o apoio de Xunta e Deputación, e avanzou que remitirá unha proposta de convenio a esas dúas institucións para regular a súa cooperación económica.

Caballero asegurou que o Concello destina á Reconquista, que cada ano organiza a Asociación de Veciños Casco Vello, máis de 250.000 euros, aínda que a subvención municipal aprobada este ano foi de 150.000 euros, como anunciou o propio rexedor. Con todo, Caballero considera que a axuda é máis elevada, porque suma o custo da limpeza de rúas, recollida de residuos, servizo de Policía Local ou Protección Civil.

Por iso, o alcalde considera que Xunta e Deputación deben achegar eses mesmos 250.000 euros anuais, aínda que ao goberno galego reclámalle a “débeda” dos últimos catro anos (un millón de euros) e á Deputación “só” a dos últimos dous anos (medio millón), que é o tempo que leva gobernando o PP no Pazo Provincial tras a etapa de Carmela Silva como presidenta.

Caballero, tras destacar o “éxito apoteósico” da celebración o pasado fin de semana, referiuse tamén á declaración deste evento como Festa de Interese Turístico Internacional, para o que o PP pediu que se inicien os trámites. Segundo o rexedor, o grupo municipal popular “non se decata” porque neste momento non se pode tramitar esa solicitude xa que a festa aínda non cumpre os requisitos. “Eu encargareime de que o sexamos e encargareime de presentalo cando sexa o momento para gañar (…), e é máis, vai ser Festa de Interese Turístico Internacional estean a Deputación e a Xunta ou non estean”, proclamou Caballero.

“QUE NON ENGANE”

En resposta a estas declaracións, a portavoz municipal do PP e vicepresidenta da Deputación, Luisa Sánchez, pediu ao alcalde “que non engane” á cidadanía sobre esta cuestión. “Claro que agora non se cumpren todos os requisitos para ser Festa de Interese Turístico Internacional. Pero xa se cumpre un, que é o acordo plenario”, sinalou, antes de lembrar que, antes da moción socialista aprobada este luns, o propio PP presentara unha proposta pedindo iniciar os trámites que foi rexeitada polo goberno local.

Luisa Sánchez sinalou que a Xunta achegará o seu informe, e a festa “cumprirá outro requisito”, pero matizou que, agora mesmo, “grazas ao Concello, non cumpre ningún”. De feito, este martes estivo na cidade o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, e, a preguntas dos medios, trasladou a disposición do goberno galego a apoiar esa declaración. Nese sentido, puxo en valor a “potencialidade” da Reconquista e manifestou a súa confianza en que alcanzará ese recoñecemento.

ÚLTIMAS

A Doblada: da desidia toponímica á desmemoria histórica

​Hai uns días, a Xunta de Galicia modificou decenas de toponímicos nas catro provincias,...

A Policía Nacional evita en Vigo que un home se lance ao baleiro desde unha terraza

Axentes da Policía Nacional da Comisaría de Vigo-Redondela evitaron que un home se lanzase...

Detida en Vigo unha moza tras tentar atracar un bar cun coitelo e ferir a dous clientes

Axentes da Policía Local de Vigo detiveron a unha muller de 23 anos de...

Condenado por estafar con falsos alugueiros de vivendas en Vigo e Sanxenxo

A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, condenou a...